O obradoiro de hostalería do Salnés logra o cen por cen de inserción laboral

A Xunta afirmou que, debido aos resultados acadados, este obradoiro volverá con case total seguridade para o próximo ano para seguir formando aos futuros profesionais
Os alumnos do obradoiro posan coas autoridades da Xunta e da Mancomunidade do Salnés. GONZALO GARCÍA
photo_camera Os alumnos do obradoiro posan coas autoridades da Xunta e da Mancomunidade do Salnés. GONZALO GARCÍA

O Porto de Sanxenxo acolleu onte o acto de clausura do obradoiro de emprego Hostalería do Salnés X promovido pola Xunta. Ao acto acudiron o presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o xerente da Mancomunidade, Ramón García Guinarte, e a directora do obradoiro de emprego, Puri Ferro.

Nesta décima edición foron 20 os alumnos que se formaron no ámbito da cociña e a restauración. Neste caso gran parte non puideron estar presentes no acto, xa que se atopan traballando. Isto amosa os bos datos de inserción laboral que conseguiu acadar esta edición, xa que ao seu remate o cen por cen dos alumnos conseguiu un posto de traballo.

Cores Tourís asegurou que neste momento "este é un dos obradoiros máis importantes que temos en toda Galicia"

Con respecto a isto Cores Tourís asegurou que "este é un dos obradoiros máis importantes que temos en toda Galicia. O nivel de inserción que ten este non o ten ningún outro".

Nel os alumnos non só recibiron formación, senón que tamén realizaron traballos vinculados á organización de xornadas de degustacion de pratos típicos galegos e pratos típicos do Salnés, xornadas de alta gastronomía, difusión de cociña típica da comarca e promoción dos bos hábitos alimenticios e incluso preparación de pratos para o comedor social de Cáritas.

O presidente da Mancomunidade engadiu que "si es cierto que todos nos dicen que son pocas plazas, todo el mundo quiere más. Hay lista de espera para entrar en este obradoiro".

Porén, Gonzalo Durán tamén afirmou que "la hostelería y el turismo son los sectores punteros de la comarca y es donde hay que primar la formación. Porque sí nos sigue faltando formación".

De acordo con isto Cores Tourís tamén sinalou a necesidade de ofrecer unha formación continua para poder garantir un acceso máis favorable ao mercado laboral. O delegado da Xunta recalcaba que "a maior formación, máis posibilidades existen de competir nun mercado que cada vez esixe unha preparación máis versátil e comprometida co cambio tecnolóxico".

Por esta razón e polo éxito das edicións anteriores a Xunta afirma que case con total seguridade este obradoiro volverá o próximo ano para seguir formando aos alumnos interesados.

MÁIS OBRADOIROS. Pero este obradoiro non é o único que se realiza na comunidade. Pontevedra tivo un total de 26 nesta tempada, dos cales sete se desenvolveron na comarca do Salnés.

A Xunta, coa colaboración das distintas comarcas levará a cabo 80 programas mixtos entre 2019 e 2020 cos que ofrecerá formación a 1.500 persoas desempregadas que tamén terán a posibilidade de acceder a un posto de traballo.

Ademais, desde a Xunta tamén se está a destinar preto de 65 millóns de euros para realizar estes obradoiros que formarán a case 16.800 persoas desempregadas a través de 1.100 cursos realizados entre 2019 e 2020.

Comentarios