Oliver Laxe falará de cine o martes nunha charla na Deputación de Lugo

A conferencia servirá tamén de clase maxistral aos alumnos e alumnas da Escola de Imaxe e Son da TIC

Oliver Laxe. J.VÁZQUEZ
photo_camera Oliver Laxe. J.VÁZQUEZ

O director de cine Oliver Laxe, gañador de dous premios no Festival de Cannes e que vén de recibir o Premio da Cultura Galega 2017, ofrecerá o vindeiro martes unha charla na Deputación de Lugo organizada pola fundación TIC.

A conferencia ‘Oliver Laxe e o cine de autor’ será ás 12.00 horas no salón de actos da Deputación e estará aberta a todo o público interesado. A charla servirá tamén de clase maxistral aos alumnos e alumnas da Escola de Imaxe e Son da TIC. Oliver Laxe expoñerá a súa experiencia como director. Na súa intervención, falará do proxecto que ten agora mesmo entre mans, a longametraxe Aquilo que arde, que se rodará o vindeiro ano en diversas localizacións de Lugo, especialmente no Concello de Navia de Suarna, de onde son orixinarios os seus avós.

Alumnos da EIS xa están a compartir parte do traballo de Laxe durante os ensaios da película que o director realiza en dependencias da TIC.

Oliver Laxe é un dos referentes do Novo Cinema Galego, unha corrente cinematográfica que logrou situar a Galicia e aos cineastas galegos no mapa mundial do cine de calidade

Con esta charla arranca un ciclo de masterclass sobre cine de autor que forma parte dun convenio de colaboración entre a fundación TIC e Miramemira, a produtora audiovisual de Aquilo que arde, que se asinará este luns en Navia de Suarna. Este ciclo inclúe o encontro do alumnado con outros destacados profesionais que impartirán os seus coñecementos sobre preprodución e produción, guión e dirección artística.

Oliver Laxe é un dos referentes do Novo Cinema Galego, unha corrente cinematográfica que logrou situar a Galicia e aos cineastas galegos no mapa mundial do cine de calidade, cunha repercusión e un recoñecemento internacional sen precedentes na historia recente do cine español.

Fillo de emigrantes galegos, naceu en París en 1982. Aos seis anos retornou coa súa familia a Galicia. Despois de estudar cine na Universidade Pompeu Fabra, marchou a Londres. A súa primeira longametraxe de Laxe Todos vós sodes capitáns foi gañadora dun premio no Festival de Cannes.

Comentarios