A oposición califica o orzamento destinado a Galicia de "nefasto" e "antisocial"

O BNG levará ao próximo pleno unha modificación dos orzamentos da Xunta coa finalidade de destinar 233 millóns de euros a financiar un Plan de mellora da atención primaria

O Parlamento de Galicia, durante un pleno. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera O Parlamento de Galicia, durante un pleno. PEPE FERRÍN (AGN)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado dado a coñecer este martes polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, é "nefasto para os galegos" xa que "leva unha tremenda perda de posición relativa de Galicia" fronte ao resto de comunidades. 

Nun comunicado remitido aos medios, o líder dos socialistas galegos criticou que os fondos para Galicia só suban un "1%" cando a cifra global para o resto do Estado aumenta máis dun "17%". "É un retroceso máis para Galicia co Partido Popular de Rajoy e Feijóo", asegurou. 

Segundo lamentou Caballero, a Comunidade galega "perde peso relativo" fronte aos outros territorios cando xa "arrastra unha débeda duns 2.000 millóns de euros que quedaron sen executar dos orzamentos de Rajoy no últimos catro anos". "Galicia non conta para os gobernos do PP. Rajoy decide e Feijóo aplaude", censurou.

Caballero: Galicia non conta para os gobernos do PP. Rajoy decide e Feijóo aplaude

BNG. Nesta liña, o BNG cualificou de “antisociais” os orzamentos e de estar afastados das reclamacións expresadas pola maioría social na rúa, como é o caso das persoas pensionistas. En concreto, puxo de relevo que o Goberno de Rajoy vai destinar ao rescate das autoestradas radiais madrileñas un mínimo de 2.000 millóns de euros, "o dobre que o anunciado para mellorar as prestacións de 9 millóns de persoas xubiladas que, no caso de Galiza, soportan as segundas pensións máis baixas do Estado".

En todo caso, o BNG está "expectante" para ver como queda Galiza nas contas xerais, "pero moito nos tememos que van seguir os recortazos e a discriminación con noso país que non se compensa con visitas ministeriais, nin do señor M. Rajoy con anuncios que soan a precampaña para infraestruturas que o propio Goberno do PP leva anos paralizando". Por iso, Pontón emprazou a Feijóo "a pensar antes en Galiza que na súa condición de militante do PP".

O BNG levará ao próximo pleno unha modificación dos orzamentos da Xunta coa finalidade de destinar 233 millóns de euros a financiar un Plan de mellora da atención primaria, a “gran damnificada” pola política de recortes do PP.

EN MAREA. O grupo fixo unha valoración negativa dos orzamentos, dado que se conxelan as partidas orzamentarias para Galicia neste 2018, despois de que se recortasen máis dun 32% no pasado ano.

En Marea denuncia que estamos nun dos niveis de investimento máis baixos dos últimos quince anos, ante a ausencia de novos proxectos.

En Marea denuncia que o 46,8% dos orzamentos son para o Ave "unha infraestrutura que debería estar rematada hai máis dunha década"

"O Estado consolida a redución do investimento en Galicia. O Estado conxela o investimento en Galicia a respecto do 2017 logo de caer 32,9%, ou sexa, perdeu 1 de cada 3€ de investimento en 2017 e agora nos tempos de recuperación económica mantén os peores datos das últimas décadas", sinalou a deputada de En Marea Yolanda Díaz.

Este investimento concéntrase principalmente no Ave, que absorbe o 46,8% de todo o investimento do Estado en Galicia, "unha infraestrutura que debería estar rematada hai máis dunha década continúa concentrando gran parte dos fondos destinados ao noso país, e isto débese á falta de execución de anos anteriores".

Comentarios