Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Os cadernos de Bragado

A decisión de Manuel Bragado de deixar a deirección da editorial Xerais sobresaltou a paisaxe cultural galega máis alá da edición

Manuel Bragado. RAFA FARIÑA
photo_camera Manuel Bragado. RAFA FARIÑA

FOI UN TREMOR convertido en desacougo para todo o sector da cultura galega. A nova da súa marcha da dirección da editorial Xerais, así como a reestructuración desa casa inserida no Grupo Anaya, xerou unha inquedanza non só no eido editorial, senón en todo o que ten que ver coa cultura en Galicia pola súa indiscutíbel importancia. O seu labor deixouse notar ao longo dos 28 anos (case 25 como director) nos que estivo no seo desa editorial, pero co paso do tempo, ese quefacer espallouse máis alá dese traballo editorial, converténdose nunha referencia dende a posta en marcha de diferentes proxectos que inzaban a nosa terra dunha chea de regalías, así como dos seus cada vez máis necesarios escritos en prensa ou no seu blog, Brétemas. Textos lúcidos adicados a tecer sempre máis que a desfacer, a motivar a reflexión e a aposta común por un territorio que nós mesmos somos quen de maltratar coas nosas accións.

Se o traballo de editor ten moito de valente cabaleiro medieval, de alguén metido en constantes xustas, mantidas con diferentes sectores que van dende os propios autores ás administracións, esas lides son cada vez máis complexas nun mundo que día tras día semella afastarse do papel, persoas como Manuel Bragado son unha honra para o sector pola confianza e a puxa pola lectura como unha das maiores achegas que un pode deixar á súa terra.

Os centos de títulos saídos do prelo baixo o seu mandato, a aposta por novos nomes, a creación de novas coleccións e o pulo dos diferentes premios que concede ese selo son só unha parte dun compromiso emocionante e que emocionaba cada vez que nos atopabamos ao editor a carón dun autor presentando o seu último libro. Con independencia de que este fora a maior estrela da editorial, Manuel Rivas, ou o máis recente nome saído do seu labor de seguemento, como puidera ser Iria Misa, por citar a quen aínda presentou a pasada semana o seu libro, Segredos no solpor, xunto a todos eles amosou sempre unha dignidade e profesionalidade abraiante, a salvo de quilómetros e esgotamentos, que o levaba xornada tras xornada a percorrer Galicia de punta a punta como apoio aos seus autores. Unha soberbia lección ante tanta falla de compromiso como atopamos neses xigantescos grupos editoriais cada vez máis afastados do tacto da pel e cuxos ollos só se iluminan ante os balances de resultados. Os ollos de Manuel Bragado sempre miraron cara a alma dos autores, e tamén cara os lectores, que coidaba un a un en cada presentación como chanzos imprescindíbeis para que o libro se mantivese a flote nun ecosistema cheo de marexadas.

Nalgunhas desas presentacións tiven a honra de estar ao seu carón compartindo uns momentos que para min xa serán para sempre inesquecíbeis xunto ao autor ou autora que tocase. Moitas outras veces estiven no outro lado, escoitando as súas palabras entre o público e vendo como entre as súas mans o editor manexaba sempre un caderno cheo de anotacións, de reflexións, de puntos a salientar sobre o libro a presentar. Eses cadernos convertéronse agora na alma da nosa literatura nos últimos trinta anos, neles resúmense varios dos nosos mellores libros, pero sobre todo contense a alma dun editor afouto, dalguén cunha bonhomía inusual que soubo coidar o máis importante que ten que facer sempre un editor aínda que soe pueril, isto é, poñer en circulación libros, libros que falen dun país e das súas xentes, libros que xa son de todos nós.

Comentarios