Blog | A lume maino

Os que coidan

Acto da campaña Dálle a volta de Amencer no que participaron usuarios da asociación e os seus coidadores. GONZALO GARCÍA
photo_camera Acto da campaña Dálle a volta de Amencer no que participaron usuarios da asociación e os seus coidadores. GONZALO GARCÍA

OS ÚLTIMOS días da inocencia sobreviviu entre as paredes dun hospital. Daquela foron os ceos grises e unha cadeira dura como a pedra con dous parafusos inoportunos sobre os que sostiña noites enteiras pegada a unha cama. O cóbado sobre o colchón, a man suxeitando a cabeza, e o maxín dando voltas entre soños de mocidade e esas películas de final feliz nas que quen fica deitado move un dedo na derradeira escena ou pronuncia o nome da persoa que lle suxeita a man. Aquilo non aconteceu nunca e foi así que descubriu que as películas son iso, películas, que a vida ás veces se detén ó pé dunha cama ou sobre unha cadeira de rodas.

A figura dos coidadores non está ben recoñecida

Daqueles tempos quedoulle gravada a luz branca tan grosa como os modais dunha muller que pasaba a fregona sobre os pés dos acompañantes para botalos do cuarto. O olor da estancia e o silencio das noites eternas, só interrompido por un timbre de emerxencia, os zocos das enfermeiras, un tusido ó fondo, e ese zunido das lámpadas que tardan en acender. E gravou tamén a ollada dunha muller que empuxaba a cadeira do seu fillo polo corredor. Sen descanso e cun sorriso.

Pasaron algo máis de dúas décadas daquilo. Onte contoume que tivo que volver a un hospital. Sentía que se avellentaba. De novo, cando quedaba a durmir pola noite, as horas sen luz caían con todo o peso sobre os seus ombros, malia que agora os espazos para os familiares estaban algo máis "humanizados", seica, e no canto dunha cadeira ríxida podía deitarse nun sofá de escay ou tomar un café quente sen saír do cuarto. "Cando chegaba á casa caía derrotada na cama. Tapaba ata o nariz e mergullábame nun sono profundo", contoume. Quen tivo a un familiar ingresado sabe do que fala. Quen trata de conciliar as horas na oficina coas dos centros sanitarios tamén. E quen colleu a man dalguén que despedía a vida tamén.

Coidar doutra persoa é duro. Primeiro polo que conleva ver sufrir a alguén que queres, pero logo porque te devolve dunha la bazada á realidade humana. Somos de carne e óso, vulnerables, simples mortais. Pero tamén porque malia un diagnóstico longo, a sociedade non se detén, a rolda da rutina avanza sen mirar cara atrás e quen non a segue perde comba ou corre o risco de que lle retraten durmindo a perna solta nun debate do Estado de Autonomía, por exemplo.

A figura dos coidadores non está suficientemente recoñecida, -malia que desde hai uns meses xa existen para a Seguridade Social- . Tanto os que teñen sobre os ombros a responsabilidade dunha persoa enferma ou dependente, como os que tratan de compaxinar as horas de hospital co resto da vida laboral e persoal, témolos esquecidos.

Logo hai quen ten interiorizados os coidados como parte dunha vida. Esta semana tiven a sorte de asistir á presentación da campaña Dálle a volta que convocou a federación Aspace en todo o país. En Pontevedra, os rapaces e rapazas de Amencer saíron á rúa para lembrarlle á cidadanía e que a igualdade tamén vai con eles e elas. Empuxaban as súas cadeiras outros tantos coidadores. Voluntarios e traballadores, familiares e persoas achegadas das persoas con parálise cerebral e outras afeccións motoras. E tamén pensei neles. Nos que coidan. Os que adican o seu tempo a empuxar unha cadeira, a pedir unha sinatura pola igualdade, os que os axudan ós seus a facer as cousas cotiás que non poderían sen axuda como vestirse, comer ou ir ó baño. Os que sempre están pendentes dos demais. Os que miran o mundo trala ventá dun hospital colocando unha almofada, suxeitando unha man ou abeirando os momentos máis duros das persoas que máis queremos no mundo...

Quen se acorda deles?

Comentarios