Opinión

Os tiros na guerra

LEVO UNS días inmerso no tema da seguridade. Tiven a oportunidade de asistir a unhas charlas de expertos internacionais en ciberseguridade e, por casualidades da vida, engancheime desde sofá á película 'El Francotirador', dirixida por Clint Eastwood.

No da ciberseguridade quedoume claro que calquera terrorista pode provocar máis pánico atacando os sistemas informáticos que matando xente. Confirmei que a nosa vida dixital é moito máis intensa do que puideramos pensar e hoxe calquera pais de occidente pode bloquearse en poucas horas se os sistemas informáticos colapsan. Falo de hospitais, de centrais nucleares, de tráfico, .... en fin, de todo o que precisamos no día a día.

Pero tamén aprendín que os sistemas de seguridade son tamén moi robustos e temos a grandes profesionais preocupados por nós, aínda que vaian vestidos de pantalóns rachados e de camiseta por fóra. As administracións, os corpos e forzas de seguridade do Estado e as empresas teñen xa no seu cadro de persoal a profesionais que de momento saben máis cós malos, e iso tranquiliza moito.

Na película de Eastwood, cóntase a historia real de Chris Kyle, un francotirador do exército estadounidadense que se fixo famoso por ser o máis eficaz das tropas occidentais. Este home morreu nos Estados Unidos, ao carón da casa, asasinado por outro veterano de guerra perturbado.

Deixando fóra o trasfondo moral da película, comprobei como eran as guerras hai un lustro. O máis importante eran as bombas, as balas e os canóns, e xa comezaban a asomar os drons e os trebellos informáticos capaces de tomar decisións máis ou menos autónomas. Cada vez máis, a informática e a tecnoloxía permite matar xente dun xeito máis contundente, pero tamén rachar con todo un ecosistema social sen derramar nin unha gota de sangue.

Está claro que a guerra é negocio sobre todo, e que a industria armamentística é unha das máis lucrativa do mundo, pero coido que agora o poder non está nos Winchester 73, senón nos algoritmos de Google ou de Facebook. O control e a seguridade pronto se vai deixar de medir en número de pistolas senón en número de aparatos conectados a internet.

Hai uns anos, bastantes, puiden falar cun dos responsables dun documental que me sorprendera. Chamábase 'Bosnia Hotel' e contaba a historia dos dous únicos soldados que enviou o exército de Kenia á guerra de Bosnia dos noventa. O que máis sorprendeu a estes dous homes da tribu dos Masái, que son os que teñen fama de seren os mellores guerreiros, foi saber que estaban matando a canonazos a soldados do exército contrario sen verlles nin a cara. Non entendían a loita sen ser corpo a corpo e por iso estaban descolocados co proceder da guerra "moderna" en Europa. A historia remata dun xeito sorprendente porque un dos soldados, cos cartos que gañou, meteuse a hoteleiro na súa aldea, onde vivían medio cento de persoas. O outro comprou os principais rabaños de cabuxas da comarca. Adiviñen quen se arruinou e quen se fixo rico.

Comentarios