Un outono con bos síntomas para o Pontevedra CF

O Pontevedra finalizou os partidos de preparación con catro triunfos e só unha derrota ► O equipo amosou un estilo definido, con bos centradores e rematadores como protagonistas
Os xogadores do Pontevedra celebran un dos goles contra o Estradense. DAVID FREIRE
photo_camera Os xogadores do Pontevedra celebran un dos goles contra o Estradense. DAVID FREIRE

O Pontevedra puxo fin aos compromisos da súa pretempada máis longa e con menos encontros de preparación co triunfo do sábado en Santiago contra o Compostela. Cinco rivais serviron para medir o potencial do once de Jesús Ramos na campaña máis iluisionante: tódolos equipos menos un son da mesma categoría e adversarios na temporada regular e permitiron ver as primeiras virtudes e extraer as primeiras conclusións do que será o bloque da cidade do Lérez a partir do próximo domingo no debut contra o Racing de Ferrol (17.00 horas, A Malata).

Aínda que o valor dos marcadores nos duelos do precurso é nulo e o realmente interesente son os datos que lles permitiron obter aos membros do corpo técnico, o resumo dos resultados foi favorable para os granates.

O Pontevedra venceu catro partidos e só perdeu outro, curiosamente o único que disputou na casa. Iso si, tamén contra o adversario máis esixente, a priori.

En total, o once pontevedrés logrou oito dianas. Marcou en tódolos enfrontamentos que se produciron. Encaixou catro tantos, repartidos entre dous partidos: dous do Celta B e dous do Deportivo da Coruña.

GOLES. O mellor finalizador do equipo no período foi Rufo. O dianteiro madrileño exhibiu pegada con catro dianas repartidas en tres partidos. Todos baixo o mesmo esquema: centro e remate seu. Un despois dun saque desde o curruncho e os demais con envíos laterais ou diagonais de diferentes compañeiros que atoparon a súa cooperación para superar ao gardarredes de enfronte.

Charles, Adrián Cruz, Oier Calvillo, David Veiga achegaron unha diana cada un na colecta do bloque de Pasarón durante estas semanas previas ao comezo da liga.

Os goles en contra, catro, chegaron case que todos en accións a balón parado: dous penaltis e unha falta lateral. Das penas máximas, unha produciuse tamén tras falta lateral. Aínda que en xeral o PCF se amosou fiable no seu labor defensivo, cometeu algúns erros puntuais, como o que conduciu ao 1-0 en contra perante o Celta B.

Rufo, casado co gol
O dianteiro madrileño confirmou o seu bo estado de forma con catro dianas
Balón parado
Dos catro tantos encaixados, un chegou tras falta lateral e dous despois de penaltis

ESTILO. O esquema de xogo parece definido. Como anunciou Jesús Ramos e como xa se puido intuir nos partidos que estivo á fronte do colectivo na campaña pasada, o bloque granate intentará ser un equipo solidario e agresivo tanto nos aspectos defensivos como ofensivos: intentará presionar e recuperar pronto tras perda para poder realizar ataques veloces que sorprendan aos adversarios. Non desbotará o balón nin rexeitará ataques estáticos con xogo combinativo, pero por norma xeral non se entreterá máis do preciso co esférico en busca da portería contraria. E polo visto, empregará dous recursos principais para a finalización: a velocidade ao contraataque e a entrada polos costados na procura de centros perigosos que teñan a Rufo e Charles como finalizadores principais.

Oier Calvillo xa demostrou as súas habilidades no balón parado e nos servizos para os seus compañeiros de área, ao igual que Óscar Fernández, Borja Martínez ou Manuel Romay, os asistentes dos partidos destas semanas de traballo.

Canto á duración, a pretempada chegará ás oito semanas cando o domingo comece a rodar o balón na Malata. Entre unha e dúas semanas máis do usual nun equipo de fútbol. O parón recomendaba un regreso máis paulatino aos terreos de xogo, algo co que cumpriron a meirande parte dos clubs, que ademais volveron á actividade sen coñecemento do calendario nin a estrutura da temporada que ían ter.

A duración da preparación permitiu moderar a intensidade do traballo e evitou problemas físicos e lesións serias no PCF.

Comentarios