Opinión

Pálpitos

ALGUNHA XENTE colecciona negocios, iates, xoias... outros xuntan invernos, farrapos, piollos. No medio, a maioría de nós vai facendo o que ben pode para saír adiante. Temos posesións e ben facemos se conseguimos non nos aferrar moito a elas. Eu, por exemplo, aférrome sobre todo aos bolígrafos, cos que teño unha fixación que os freudianos levan sempre a lugares cheos de lama. Porén, o que temos todos de cando en vez e calquera que sexa a nosa condición social son pálpitos. Hai quen case non pode ter outra cousa. Non me refiro, claro, aos pálpitos que lle contamos ao médico do seguro, cruzando os dedos mentres nos poñemos xa no peor. Refírome ao sentido figurado. 

Interrompo o texto para dar un anuncio de alcance: acabo de comprobar na web da R.A.G. que "“pálpito"” non ten acollida alí. Se cadra trátase dunha inmigrante ilegal e polo tanto indocumentada. Non pasa nada. Poño un pano negro na cabeza, un parche nun ollo e píntome unhas tibias e un cranio nun antebrazo. Proseguimos. 

Os pálpitos, no sentido de sospeita ou presentimento de que algo vai suceder, veñen a nós sen chamalos en énchennos dunha sensación máxica porque “"sabemos"” que se vai dar unha determinada circunstancia. Hai quen bota o día diante dun posto dos cegos agardando un pálpito, hai quen enche unha quiniela invocando quince pálpitos encadeados. Outros confórmanse con sentir cinco mais outro complementario. Parvadas. Parece que sabemos algo pero non o temos claro. 

Dúas noites antes de que avión da banda Lynyrd Skynyrd se estrelara nun bosque de Gillsburg, Mississippi, a corista JoJoBillingley soñou co accidente e intentou disuadir aos seus compañeiros de facer esa viaxe. Eu mesmo podo compartir pálpitos propios, aínda que mais cativeiros. E vouno facer. Por exemplo: de rapaz tiven o pálpito de que estaba a piques de errar un penalti nun partido intranscendente e funme cara o balón como un deportado mexicano. Marqueino. Cando me viñeron a felicitar sentíame estafado. O que se chama un falso pálpito. Doutra volta tiven a forte sensación de que tería axiña un problema co meu coche: tentaba aparcar rente a unha columna que non ficaba queda. Trescentos euros de chapa e pintura. 

O certo é que algunhas premonicións son axeitadas mentres que para explicar outras hai que facer un máster ou dous. O paralímpico Oscar Pistorius disparou e matou á súa noiva, a modelo surafricana Reeva Steenkamp, no día de san Valentín de 2013. A nai de Reeva declarou nunha televisión que a súa filla tivera unha premonición da súa morte aos 14 anos e a plasmara nunha pintura. Nela vese a Reeva representada coma un anxo diante dunha escaleira que se perde no ceo. Ao lonxe pintou a un home. Este home tiña unha arma na man. O anxo ollaba cara aquel home co terror na faciana, as mans cubríndolle a boca. 

O globo terráqueo está cheo de pálpitos que sucan o ar na procura de alguén que os sinta. Sinais que desexan facerse carne e dispor dunha voz que lles dea curso legal entre tantas suxestións, ideas, conxecturas, rumores. O pálpito fai do seu posuidor unha especie de elixido. Un elixido de andar pola casa, pero distinguido entre a multitude dos que só confían no que ven os seus ollos e palpan as súas mans. Con iso, co pragmatismo, coa visión cartesiana, foi que se construíu esta merda de realidade (outros autores din “"esta realidade de merda"”). A pouca ou ningunha apreciación dos pálpitos e dos palpitantes fixo da racionalidade unha tiránica construtora de sociedades e hoxe estas case non poderían semellar mais irracionais. Teño o pálpito de que me entenden.

Comentarios