As pantallas protectoras entregadas en Vigo polo proxecto Escudocovid-19 ascenden a 9.700

A maioría entregáronse a hospitais e centros asistenciais
Pantalla protectora. ASIME
photo_camera Pantalla protectora. ASIME

As empresas participantes na plataforma galega do proxecto Escudocovid-19 entregaron, até este martes, 9.700 pantallas protectoras en hospitais, centros de maiores e asistenciais da área de Vigo, así como na delegación territorial da Xunta para a súa distribución en "función das necesidades".

Así, o pasado sábado entregáronse 1.430 unidades dunha pre-serie (600 para o Hospital Álvaro Cunqueiro, 300 para a residencia de maiores DomusVi Barreiro, 300 para a residencia de maiores do Meixoeiro e 230 no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Chapela-Redondela).

O luns entregáronse 3.470 pantallas ( 2.100 para o Hospital Álvaro Cunqueiro, 300 para o Hospital Povisa, 150 para o Hospital Vithas Nuestra Señora de Fátima, 150 para o Hospital Meixoeiro, e o resto á Delegación da Xunta para a súa distribución segundo necesidades)

Este martes fixéronse novas entregas: 2.100 para o Hospital Álvaro Cunqueiro e 2.700 para que as reparta a Delegación territorial do goberno galego.

A iniciativa está coordinada por Asime a través do seu secretario xeral, Enrique Mallón, e pola Universidade de Vigo

ESCUDOCOVID-19. O proxecto Escudocovid-19 está coordinado, en Galicia, pola Universidade de Vigo e a Asociación de Industriais Metalúrxico (Asime), e o seu obxectivo é mobilizar as capacidades económicas e produtivas das empresas para fabricar, de maneira áxil e alcanzable, en grandes cantidades, unha ampla variedade de equipos como máscaras, pantallas protectoras, vestiario plástico, desinfectantes, respiradores e lavadoras de utensilios.

Todo ese material vai destinado a persoal sanitario e de residencias, coidadores e servizos similares, ademais de axentes das forzas de seguridade, traballadores do sector do transporte, do agroalimentario, almacéns e outros operarios que deban manter a súa actividade

A iniciativa está coordinada por Asime a través do seu secretario xeral, Enrique Mallón, e pola Universidade de Vigo, a través do Director do Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (Cintecx), José Luís Martínez Lastra, e o profesor da Escola de Enxeñaría Industrial, José Antonio Pérez. Investigadores do Cintecx e do Campus de Especialización Vigo Tecnolóxico tamén forman parte do equipo impulsor. A eles uníronse as empresas Adhex, Dalot, Dativic, Lupeon, MCSyncro, Mepronor, Plascies, Plymouth, Troqueles Galicia e Valver.

Asime destacou o labor desta última empresa, Valver, que está a levar a cabo de forma altruísta a produción galega dos escudos nas súas instalacións en Mos, adaptando os tempos, medios e persoal ás necesidades desta situación excepcional.

A eles, sumaron tamén as súas achegas económicas e esforzos outras empresas como Cerradoras López Galicia, Distevi, Itera Técnica, Onice Estudos e Proxectos, Resinas Castro, Royal Roos Enxeñaría e Vigumat.

Comentarios