Os parques infantís de Pontevedra reabren o luns

O Concello establece os límites de aforo de cada zona de xogo e disporá de dispensadores de hidroxel e unha cartelería específica
Acondicionamento dun dos parques infantís de Pontevedra. DP
photo_camera Acondicionamento dun dos parques infantís de Pontevedra. DP

O bulicio infantil volverá resoar nos parques da cidade de Pontevedra a partir do vindeiro luns, unha vez que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural estableceu os límites de aforo de cada zona de xogo, adquiriu os dispensadores de hidroxel para instalalos nos seus accesos e elaborou unha cartelería específica coas medidas especiais de protección contra a Covid-19 que os nenos e as súas familias deberán respectar na nova normalidade.

Os carteis estarán nos accesos aos parques infantís e que levarán incorporada como vixilante a unha das personaxes máis célebres de Pontevedra, o Loro Ravachol, que se encargará de lembrar a importancia de ter Sentidiño! e de respectar as normas e aforos.

O Servizo Municipal de Parques e Xardíns desenvolverá ao longo das xornadas deste sábado e deste domingo traballos de limpeza en profundidade e retirada de follaxe, destinados a deixar as zonas de xogo en perfectas condicións nesta estrea tan desexada.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explica que a empresa Garocaprim SL realizará tarefas de desinfección diarias para cumprir coas directrices establecidas dende a Xunta e que o seu departamento instalará en tódolos parques os novos carteis da rede Verde Urbano co Loro Ravachol incorporado e coas normas de uso.

Entre as regras que deberán cumprir os rapaces e as súas familias están a de non sobrepasar en ningún momento o aforo máximo de persoas (nenos/as e adultos) que poden permanecer ao mesmo tempo no recinto do parque infantil; a necesidade de desinfectar convenientemente as mans coa solución hidroalcohólica á entrada (os dispensadores iranse instalando de xeito progresivo) ou, no caso de menores de 2 anos, cunha solución xabonosa, e o cumprimento de medidas básicas de autoprotección, como a hixiene frecuente de mans, non tusir directamente ao aire ou nas mans, non tocar a cara, o nariz e os ollos e abandonar o recinto ante calquera síntoma compatible coa Covid-19.

"Unha vez dentro da zona de xogos –sinala Iván Puentes– débese manter a distancia interpersoal de seguridade (1,5 metros) entre todas as persoas ou, de non ser posible, utilizar máscaras cubre bocas. Aínda que tódolos elementos dos parques infantís serán limpados e desinfectados diariamente pola Concello, recomendamos que, adicionalmente e de xeito voluntario, se aplique unha pequena cantidade de solución hidroalcohólica nas zonas de contacto de cada xogo antes do seu uso".

Nos carteis figura ademais o teléfono de información sobre o coronavirus (900 400 116) e do servizo de Emerxencias (112).

UNS 15.000 EUROS MENSUAIS. Puentes constata que a Concellería de Desenvolvemento Sostible realizará “un investimento duns 50.000 euros neste conxunto de accións imprescindibles para reabrir os parques infantís en condicións de seguridade", dos que uns 15.000 irán destinados á adquisición e colocación de dispensadores (algúns deles automáticos) e outros 15.000 "a garantir a limpeza e desinfección polo período dun mes".

O socialista pon en dúbida que outros concellos "teñan sido tan estritos como o de Pontevedra no cumprimento das normas e a adecuación dos parques de xogo", entre outras cousas porque o seu departamento tomouse a molestia "de preguntarlle á Xunta como se debía efectuar o cálculo dos aforos (aclarándose cuestións como a necesidade de incluír os elementos de xogo no mesmo)" e de realizar unha contratación específica para garantir esa desinfección de luns a domingo.

"A medición dos aforos fíxose seguindo uns criterios de máxima precaución e, aínda que os dispensadores de hidroxel non son obrigatorios, irémolos instalando de xeito progresivo en tódolos parques que poidamos", subliña Iván Puentes.

Comentarios