Opinión

Pepe, Francisco

Viaxamos hoxe ao Mar do Plata. De ambos lados dese enorme estuario proceden duas persoas ben distintas. Cada un ao seu xeito comparten a austeridade franciscana. Bergoglio, que por razóns laborais tivo que trasladarse de Bos Aires a Roma, elexiu o nome de Francisco para o seu novo destino como directivo dunha enorme multinacional. Pepe, que foi presidente dunha pequena república, síntese feliz porque, pese a ter soterrado recentemente ao seu can de 23 anos baixo unha sequoia, ten dez ou doce novos parrulos dos que coida feliz no seu retiro campestre perto de Montevideo. Os dous fóron entrevistados por Jordi Évole estes días na Sexta. 

Escoitamos a todo un Papa de Roma queixarse da hipócrita inconsciencia da sociedade, algo bastante común nos dirixentes católicos, que adoitan quedar nese tipo de proclamas xeneralistas ás que cada un pode darlle o valor que desexe. Tamén dixo que os empresarios saben que algo van perder, pero que temos que poñernos de parte dos empregados, dos amenazados… eses seguro que van perder, e é do que nos temos que ocupar. 

Houbo unha pregunta chave: É vostede optimista? "Non gosto da palabra optimismo, paréceme unha maquillaxe. Gústame máis a palabra esperanza. Teño esperanza na humanidade, nos Homes e as mulleres, nos pobos. Teño fé en que desta imos sair mellores". Algo pasa, que non engadiu "coa axuda de Deus"… claro que iso é consustancial ao seu verbo, ás súa indumentaria, á súa iconografía chea de centenarios símbolos divinos. Pero non falou de Deus ata que o regate do xornalista case lle obrigou: Ten, tivo, crises de fé? "Agora non teño, pero si tiven, claro que dubidei". "Eu rezo por vós —despediuse Francisco—, e vós seguide enviando boa onda". Un Papa estrano que reza como por inercia, pero que ten esperanza na humanidade. 

A entrevista con Pepe Múgica foi máis contundente, máis lapidaria. Nun escenario de galpón, espartano, representa o pai, o avó, a experimentada luz que todos precisamos neste planeta miserable. "Estamos sendo impotentes para que a política suxeite ao mercado… o deus mercado é a relixión fanática desta época. Él gobérnao todo, pero temos que loitar por que o mercado teña unha suxección ao interés humano e global da especie. O virus está demostrándoo que somos quen de tomar medidas heróicas: podemos facer cousas e non se trata de eliminar o mercado, pero sí suxeitalo a certos parámetros". E aínda máis: "Como non vou ter can, se cada vez coñezo mellor aos humanos", sentenciou pouco despois de recoñecer que un pesimista é un optimista informado. 

Dous líderes espirituais, dous velliños venerables. Un máis morno e tradicional, tratando de conservar ao seu público menguante, símbolo dos restos dunha época pasada. Outro máis atrevido, máis dialéctico, máis valente, unha icona necesaria para un futuro desexable. Ogallá todos os dirixentes do mundo, os máis liberais e os menos liberais, os decadentes e os avanzados, fosen recargar as súas pilas a esas duas enormes centrais térmicas, porque así, si, todo isto podería ser distinto. 

NOTAS AUSTRAIS. Aí van tres preciosas recomendacións. Busquen a forza xenerosa, a voz irreductible dun cantante enorme. Busquen a Rafael Amor, compromiso social e liberación: "No te entregues, corazón libre, no te entregues", ou a magnífica versión do "No me llames extranjero" de Alberto Cortez. Doutro natural, pero tamén magnífico, Argentino Luna, canción popular arxentina que, quizaves apocadas pola enorme influencia do tango, nunca gozaron por aquí de moita popularidade. Quizaves sexa o momento de recuperalas. E falando de tango, deámoslle a volta. Vaiamos a París para conectarnos con —tango do revés— Gotan Project, unha banda de tango electrónico que propoñen unha estupenda revisión contemporánea para min descoberta para sempre por un queridísimo compañeiro de traballo, ávido leitor do Diario.

Comentarios