Opinión

Perdón público a Urdangarin

DESDE LOGO que os medios de comunicación e a xente en xeral temos por costume esaxerar calquera cousa sin reparar nos danos que se poidan provocar, sobre todo na honra das persoas que chamamos públicas. Así pasou durante anos con Iñaki Urdangarín e a súa esposa a Infanta Dona Cristina e agora vemos que tras o pronunciamento da Xustiza, que é igual para todos, a cousa non era para tanto.

Así que si hai que unha vez coñecido a auténtica dimensión dos seus actos, substanciados ante un tribunal, vemos como tiñamos tendencia a sobredimensionar as cousas tentando afear comportamentos que non o son tanto a xulgar polo fallo feito público polos maxistrados encargados de poñer, negro sobre branco, o punto sobre os is.

Polo tanto, si hai que pedirlle perdón a Iñaki Urdangarín quero ser o primeiro en facelo públicamente por ter dubidado da súa honradez e da súa conducta, por ter pensado que era execrable que tentaran aproveitarse dos seus contactos, fixeran tráfico de influencias, delictos fiscais e incluso branqueo de capitais que, polo que se puido ver, nin a metade da metade do que aireabamos ao vento.

Ao final, todo foi cuestión de business malentendidos polo común dos mortais como aqueles que pensaron que era vergoñento que quedaran, presuntamente, el e o seu socio, con gran parte dos 620.000 euros que recibiran de doazóns públicas e privadas para a Fundación Deporte, Cultura e Integración Social (FDCIS, que tamén axudara a crear o Conde de Fontao, amigo persoal e asesor do Rei Emérito Don Juan Carlos) en lugar de ir parar a axudar a nenos con minusvalías graves.

Alédome en comprobar que a cousa non debeu ser para tanto, en función da pena imposta de seis anos de cadea que, como podemos comprobar, tampouco levou aparellado o seu ingreso inmediato en prisión nin o pagamento de fianza algunha (e menos aínda indemnización, faltaría máis... xa bastante pena de telediario tivo que pagar).

Tampouco chegou o sangue ao río e aquelas persoas que dubida bamos da conveniencia de que o ex duque dispuxera de pasaporte foi perfectamente entendida polo tribunal que o xulgou que veu como mellor e convinte que resida modestamente en Xenebra e acuda, unha vez ao mes a darlle os bos días aos seus colegas maxistrados na Confederación Helvética. Eso si, en bicicleta porque o soldo non lle dá para máis e as estreiteces que pasan el e a súa familia son peores que as de calquera españolito de a pié...

Precisamente, falando de bicicletas... Desde logo nada que ver con aquel individuo que foi condeado polo mesmo tribunal que xulgou o caso Nóos a ingresar en prisión, de inmediato e por espazo de tres anos, por ter roubado unha bicicleta. Sabe Deus a que rapaz privaría coa súa acción de disfrutar dunha tarde de paseo no verán este malfeitor que deu cos seus ósos no trullo, como corresponde. Evidentemente, nada comparado co que fixo o ex duque...

Por outra banda, respiro con satisfacción contida pola exoneración completa e absoluta da Infanta Dona Cristina. Non lles parece normal que quedara libre de toda culpa unha muller que non tiña nin a máis remota idea das actividades do seu marido? Non foi suficiente resposta a que no seu día deu aquel vello Caín cando foi interrogado polo Señor acerca do paradoiro do seu irman Abel? Xa Caín daquela, no principios dos tempos, lle dixera a Deus aquela frase lapidaria de: "Acaso son eu o gardián do meu irmán?" Algo similar puido ter esgrimido a Infanta cando de xeito irreverente era interrogada, diante do populacho, nun vulgar xuizo ordinario como ao común dos mortais...

Menos mal que en España hai separación de poderes e impera o sentido común. Unha infanta de España sentada no banquiño dos acusados! Ata aí poderiamos chegar! Xa dixo o seu pai, o Rei Emérito, que todos eramos iguais ante a Lei. Pero, é a Lei igual para todos? Desde logo que a Xustiza fixo un gran papel, un papelón diría eu, para poñer cada cousa no seu sitio e darnos unha boa idea de que lugar ocupamos cada un de nós, ou non?

Comentarios