Imprimir

A petanca de Lourido, máis forte que as condicións climatolóxicas ou a covid

Alba Moledo Ucha | 17 de octubre de 2020

Membros da Asociación de Veciños de Lourido reúnense tres veces por semana nas pistas para xogar. RAFA FARIÑA
Membros da Asociación de Veciños de Lourido reúnense tres veces por semana nas pistas para xogar. RAFA FARIÑA
Unhas pistas rexuvenecidas ► A covid-19 non puido cos ánimos dos afeccionados, aos que o Concello lles está a acondicionar as pistas para paliar o deterioro pola falta de uso durante o confinamento. Despois deste periodo, volven máis fortes que nunca

Non imaxinaban os veciños e veciñas de Lourido (Poio) cando comezaron a interesarse pola petanca o grande éxito que chegaría a ter no lugar. Dende que os membros da Asociación de Veciños de Lourido comezaron a tomar clases de petanca, o número de afeccionados medrou, ata chegar a arredor da vintena. Agora reúnense tres días á semana no parque de Lourido, e acuden estoicos a unha cita que só o confinamento puido frear, e á que dende o final do estado de alarma volveron con máis forzas que nunca.

Todo comezou por casualidade. "Pedimos uns cursos na Deputación de Pontevedra e veu unha monitora. Probamos varias cousas e involucrámonos moito en todo o que nos ensinou, pero o que máis nos tirou foi a petanca", explica Josefa Moreira, presidenta da Asociación de Veciños de Lourido e ávida xogadora de petanca.

Cando atoparon a súa paixón, non tardaron en solicitar ante o Concello de Poio a habilitación dunha pista de petanca en condicións no parque. "Solicitáronme unha nun principio", detalla a concelleira de Obras e Servizos, Chelo Besada. Pero o éxito foi tal, que non tardaron en pedir unha segunda pista. "Funcionou moi ben, tivo moi boa aceptación. Comezaron a aficionarse tantos veciños que pediron outra pista máis para poder xogar todos", engade a concelleira.

Dende a construción das pistas pasaron xa tres anos, e o paso do tempo e, especialmente, o desuso a causa do confinamento, esixiron que o Concello acometa agora unha serie de melloras para garantir a usabilidade deste espazo, tan frecuentado polos veciños e veciñas de Lourido.

O confinamento foi o responsable de que a herba comezara a asomar a través do xabre e, segundo explica a concelleira de Obras e Servizos, o tempo transcorrido dende a construción das pistas fixo que ese mesmo xabre se apelmazara. Por iso, hai uns días, comezaron os traballos que teñen como obxectivo rexuvenecer as pistas. "O que fixemos ata agora foi raspalas para quitarlles esas herbas que comezaban a nacer, tal e como nos solicitaron os veciños e veciñas, e estamos á espera de que chegue o cargamento co novo xabre. O xabre vello xa está moi duro, e imos substituilo para que os xogadores e xogadoras poidan gozar das pistas ao cen por cen", sinala Besada, que non dubida en alabar o espírito deportivo da asociación. "Nótase moito a grande afección que hai na zona, as pistas tiveron moito éxito". 

CON SOL OU CHOIVA. Tres días ao mes, nin un menos, son os que os membros da Asociación de Veciños de Lourido acoden ás pistas de petanca. "Moitos de nós estamos sempre agardando a que chegue o día. Ata facemos xogos de verán, e pasámolo de marabilla", conta a presidenta.

Nin a pandemia puido cunha afección á petanca sen precedentes na zona. "Só paramos de xogar o tempo que houbo que estar confinados, pero en canto puidemos saír volvemos a xogar no parque, porque o necesitamos", explica. Así, a petanca é, para eles, unha forma de evasión. "Estamos xuntos, charlamos, e é unha actividade coa que nos vai moi ben, sobre todo para a xente maior".

Normalmente xuntábanse en torno aos 16 veciños nas pistas de petanca, pero a pandemia fixo que algúns optasen por sacrificar o ocio. "Aínda así seguimos sendo entre 10 e 12 todos os días", asegura Moreira. Os martes, mércores e venres polas tardes, son os días sinalados para a cita, á que todos eles acoden. "Somos moitos, todos da asociación, e hai moita afección. Incluso vén xente a mirar como xogamos", relata orgullosa.

Xogo si, pero con precaución. Esa tamén é a máxima do grupo de veciños que, aseguran, toman todas as medidas necesarias en canto a distanciamento social e uso da máscara, ademais de estar ao aire libre. "Nunca fallamos", sinala a presidenta. "Ás veces ata chove algo, pero pódenos a afección. Aínda que sexa con paraugas, estámos aí coma campións".

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/comarca-de-pontevedra/petanca-lourido-inquebrantable/202010171258051108430.html


© 2020 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)