O Petote disponse a recibir a 800 comensais o domingo

O Concello de Cerdedo-Cotobade lembra que este ano é preciso facer reserva nos restaurantes de Carballedo e a contorna para gozar do evento

Jorge Cubela, presentando o evento. DP - Festa do Petote
photo_camera Jorge Cubela, presentando o evento. DP

"Estamos moi contentos e sorprendidos pola boa acollida á revolución que lle demos ao Petote. Os restaurantes sumáronse masivamente, e incluso tivemos que ampliar o prazo de inscrición. Ademais están tendo un bo nivel de reservas e, por outra banda, cremos que a festa na rúa, con degustación gratuíta para todo o mundo, provocará que o Petote vaia estar moito máis achegado aos veciños". Con estas palabras, Jorge Cubela, presidente da Xunta Xestora de Cerdedo-Cotobade, explicou como se están vivindo os prolegómenos da Festa do Petote, que se celebrará este domingo en Carballedo, e que cambia de formato para desenvolverse nos restaurantes da contorna. A organización dispuxo unhas 800 prazas para este evento, que foi presentado este mércores, e que abre a longa lista de oito festas gastronómicas que ten o concello fusionado.

A festa conservará algúns eventos no exterior dos restaurantes, en Carballedo, como unha sesión vermú desde as 11.00 horas. Así, na vila haberá animación musical coas charangas Cor Café e Moreira a Tope, concerto co grupo A Tajea, inchables para os cativos e degustación gratuíta de petote, lacón con grelos e lacón á feira da man da foodtruck Laconlover.

Por outra banda, a degustación do cocido completo con petote, sobremesa e bebida terá fixado un prezo de 20 euros por persoa en calquera dos dez establecementos participantes e a reserva permanece aberta. De momento, as inscricións levan bo ritmo, pero para o caso de que non se esgoten as prazas libres, no mesmo domingo poderá facerse reserva nos restaurantes.

O cambio de formato, ademais de espertar a curiosidade dos fieis ao petote, causou dúbidas na oposición, que bota en falta a celebración do xantar nun espazo común como era a carpa. Ante isto, o rexedor manifesta que "cremos que o novidoso formato supón unha auténtica revolución e nos permite ter, por unha banda, unha festa máis moderna, popular e próxima a todos os veciños, non só a aqueles que estaban dispostos a pagar polo xantar no pavillón e, por outro lado, vai favorecer moito aos nosos restaurantes, xerando un importante volume económico ese día e tamén unha importante difusión na bisbarra".

Cubela reiterou o seu agradecemento pola grande acollida entre a hostalaría e a veciñanza e lembrou os locais nos que se pode aínda facer a reserva. Esta ducia de establecementos está integrada por: A de Tucho (Augasantas, 670 971 785), A Raxadal (Carballedo, 986 760 018), Casa Blanco (Rebordelo,645 922 995), Casa Inés (Carballedo, 986 760 003), Veiga Mariña (Almofrei, 986 763 127), O Espigueiro (Cerdedo, 678 719 030), O Meu Lar (Cerdedo, 687 393 141), Moncha (Cerdedo, 633 943 295), Restaurante Davi (Quireza, 606 774 141) e A Vosa Taberna (Borela, 986 763 126).

Comentarios