Pilar Blanco: "Durante catro anos o PP non tivo unha oposición real en Marín"

A plataforma cidadá anuncia a súa continuidade tras as últimas eleccións locais nas que se presentou como partido político. A agrupación fai unha lectura positiva dos resultados acadados e decide seguir traballando "para ofrecer unha alternativa ao Goberno municipal"

Pilar Blanco. MELISSA GÓMEZ
photo_camera Pilar Blanco. MELISSA GÓMEZ

A representante de Ser de Marín, Pilar Blanco, anuncia a continuidade da plataforma veciñal, que se presenta como alternativa ao proxecto do actual Goberno municipal.

Ser de Marín acadou 519 apoios dos veciños e veciñas da vila nas pasadas eleccións municipais. Que lectura fai deste resultado?

Facemos unha lectura claramente positiva. Sendo como somos, unha forza nova, que se presentou por primeira vez, encabezada por unha persoa que tamén por primeira vez lideraba unha lista municipal, sen respaldo de ningún partido forte por detrás, porque eramos unha plataforma veciñal... e que se formou ademais a poucas semanas das eleccións municipais, quedando como quedamos por riba doutras forzas que se presentaban, amparadas por partidos a nivel do Estado, pois desde logo a lectura é claramente positiva.

Era o resultado agardado?

Sempre que te presentas a unhas eleccións te presentas con expectativas polo menos de acadar representación. Dentro do arraxe que houbo por parte do Partido Popular, da candidatura encabezada por María Ramallo, dun resultado que nin eles mesmos se esperaban, que superou todas as expectativas, pois podemos dicir que estamos contentos co resultado. Hai que facer unha lectura positiva, sobre todo mirando cara ao futuro.

Que exista unha oposición alternativa dentro ou mesmo fora do Concello é san democraticamente

Cre que a súa saída e a de Alfonso Fernández do BNG lle puido restar votos ao partido nacionalista? Que de feito pasou de tres edís a tan só un.

Si, pero o problema non foi que nos foramos dous concelleiros de tres, senón que se foi unha gran parte da asemblea. Cada persoa que se vai dunha organización arrastra con ela apoios. Se só fósemos dous concelleiros non sería un problema. Pero a maioría da asemblea decidiu deixar a organización despois do conflito que explicamos no seu momento.

Podería recordar en que consistiu o conflito?

Despois de varios meses de intentar arranxar un desencontro entre a parte da asemblea que se quedou, decidimos abandonar antes de crear un novo enfrontamento dentro. Para os que nos fomos non tiña sentido estar loitando cos que tes por compañeiros e compañeiras en lugar de estar combatendo coa forza política que en este caso estaba gobernando Marín e para o que había un proxecto alternativo que eu encabecei en tres ocasións e que a parte do BNG que se quedou non apoiaba. Non ten sentido estar ao carón de persoas nas que non tes confianza, que non son fieis ao proxecto para o que se require lealdade. Críamos que era un proxecto común e apoiado por todos cando non era así.

Seguimos estando abertos a toda a sociedade. Imos facer unha reflexión común. Trátase de seguir sumando forzas

A pesar de non acadar representación na Corporación deciden continuar ca plataforma. Que papel asumirá Ser de Marín na política municipal?

Será un papel fora do Concello. Pero o que valoramos entre todos foi que quedaba moito por facer. Ademais, gran parte da cidadanía transmitiunos que era un proxecto alternativo e cun contido moi bo polo que hai que seguir pelexando. Dentro dun contexto, loxicamente, desfavorable, non se pode negar. Pero tamén se fixo a lectura de que o resultado por parte do PP obedece a que non hai unha alternativa no lado da oposición. Durante catro anos o Partido Popular non tivo unha oposición real, a xente non mirou un proxecto alternativo claro ao que votar. Por ese motivo decidimos continuar. Que exista unha oposición alternativa dentro ou mesmo fora do Concello é san democraticamente, a sociedade ten que estar artellada politicamente para loitar polo que se necesita.

Entón, o obxectivo da plataforma é presentarvos como alternativa de goberno, con vistas tamén ás próximas eleccións municipais, non?

Si, porque somos unha organización local e o noso principio e o noso fin é Marín. Témolo claro nese sentido.

Por moito que haxa esa maioría tan ampla no Concello non deixa de haber moitas carencias que non se están cubrindo

Continuarán celebrando as xornadas abertas á cidadanía. Cal é o obxectivo destes encontros?

De feito, a asemblea aberta que vai ter lugar o venres, baséase niso. Seguimos estando abertos a toda a sociedade. Imos a facer unha reflexión común para quen queira achegarse ese día á Biblioteca (20.00 horas). Do que se trata é diso, de seguir sumando forzas, temos as portas abertas para todo o mundo que queira vir e con esa ilusión e con esa expectativa nos organizamos. Queda moito traballo por facer.

Foi un partido que se constituíu aos pés das eleccións municipais. Cree que estos catro anos lles dará marxe para sumar máis apoios?

En catro anos poden pasar moitísimas cousas. Todo o que nós reivindicabamos aínda está por facer, e sabemos que hai moita xente que confía en nós e que necesita esa alternativa ao que está gobernando, por democracia e porque por moito que haxa esa maioría tan ampla no Concello non deixa de haber moitas carencias que non se están cubrindo, e por iso queremos seguir. Queríamos, tamén, dar as grazas a todas as persoas que confiaron en nós, aínda que os que finalmente non optaron pola nosa forza, si que nos amosaron o seu apoio e nos felicitaron polo programa e pola campaña que desenvolvemos. Tamén queremos recoñecer o traballo de todas as persoas que estiveron ao redor dunha candidatura que era soamente de Marín e para Marín, veciñal e para as persoas.

Comentarios