Blog | A lume maino

Pin, pam, pum

Familias con sus hijos en el parque de Barcelos de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Familias cos seus fillos no parque de Barcelos de Pontevedra. DAVID FREIRE

ERA INFALIBLE. O mellor método para desfacerse de nós un sábado pola noite. Saían os dous rombos arriba á dereita na pantalla e tiñamos que marchar para a cama e sen rechistar. Non había negociación posible. Se aínda fose un rombo, un só, cabía algunha posibilidade de quedar a ver o comezo do filme, pero con dous, imposible.

Existía alá polos oitenta a crenza de que protexían os menores censurando segundo que imaxes e no seo das familias apenas se falaba de sexo. Daquela, aínda faltarían dúas décadas para que o colectivo LGTBI puidera ter os mesmos dereitos que unha parella heterosexual. Nunca entendín por que sempre nos deu máis medo un bico que un disparo, agochamos antes as escenas eróticas que as bélicas, asústanos máis a paixón que o terror.

Hoxe en día non é tan doado restrinxir ós menores os contidos inadecuados ós que teñen acceso. Aínda por riba son cada vez máis os nenos e nenas que pasan moitas horas sós na casa, sen ninguén que vele polo que consumen a través dos distintos dispositivos: a televisión, a tablet, os móbiles... 

A educación antóxase máis necesaria que nunca para combater a desinformación por exceso, a normalización da violencia, das faltas de respecto entre iguais. Tamén a educación afectivo sexual, porque os nosos rapaces e rapazas corren o risco de crer que toda esa violencia que abrolla a cantidades industriais no mundo virtual é a realidade. Disque no eido sexual todo está permitido sempre e cando non supoña un dano para a outra persoa ou os integrantes da relación estean de acordo. Pero cando un ou unha adolescente remexe a súa curiosidade e mailas hormonas entre as palabras no buscador mundial, non é difícil que cheguen a contidos que normalicen homes violentos que asaltan á mulleres cosificadas, empregadas como obxectos para o único pracer deles, que non gozan en absoluto e aprender que eses son os roles que lles corresponden, por exemplo.

Logo está a liberdade sexual de cada un. Unha enquisa elaborada nos institutos de Pontevedra revelou que o 60% da rapazada que pertence o colectivo LGTBI aínda non se atreveu a saír do armario, ben por medo ou por vergonza, e debullou datos tan abraiantes como que o 9% opina que a homosexualidade ten cura ou que as persoas trans están enfermas. Datos que amosan que aínda é preciso incidir en asuntos tan básicos como a igualdade entre elas e eles, a tolerancia e o respecto á diversidade.

Para colmo de males chega un grupo político con ganas de involucionalo todo, apoiado no negacionismo e no discurso do odio, que pretende perpetuar a desigualdade e que agora trata de estarricar os seus brazos nun dos piares da nosa sociedade, a educación pública, e interferir dando ós pais e ás nais a opción de censurar segundo que temas cando se traballan cos seus fillos na aula, como a diversidade. Máis dun cento de colectivos sociais e políticos de toda España xa amosaron o seu "absoluto rechazo " ó pin parental que Vox impón como condición ó Goberno de Murcia para sacar adiante os orzamentos porque vai en contra de dereitos ditados na Constitución, porque atenta contra a liberdade de cátedra do profesorado. "Y lo que es más importante, contradice el derecho fundamental de los niños y adolescentes a recibir una formación integral basada en los valores de nuestra democracia", subliñan. 

Que difícil é avanzar como sociedade con estas correntes á inversa, que tratan de levarnos cara atrás. E que difícil é como nais e pais detectar os perigos e protexer ós nosos fillos das ameazas que están á espreita ó outro lado da porta. Os virtuais e os reais.

Comentarios