A piragüista Teresa Portela e a patinadora Sara Hurtado participarán no tour Universo Mujer en Pontevedra

A Praza de España acollerá postos de 16 federacións deportivas que farán exhibicións e convidarán a achegarse a distintos deportes, da esgrima e o rugby ao surf.
Presentación del Foro Universo Mujer. DP
photo_camera Presentación del Foro Universo Mujer. DP

"Llega a Pontevedra la gran fiesta de la igualdad y el deporte", anunciou este martes Ignacio Solana, director xeral do tour Universo Mujer, unha iniciativa que naceu para contribuír á visibilización da muller no mundo do deporte. A piragüista Teresa Portela e a patinadora Sara Hurtado serán dúas das deportistas profesionais que participarán nesta proposta, que inclúe dende mesas redondas ata unha carreira popular. "El reconocimiento a la mujer, en la sociedad en general y en el deporte en particular, aún no se ha conseguido. Tenemos que seguir trabajando en este sentido y darle visibilidad al deporte femenino".

A proposta, na que colaboran Universidade de Vigo, Deputación Provincial e Concello, abrirase o venres 6 de marzo con tres coloquios sobre deporte e muller e rematará o domingo 8 de marzo cunha carreira popular

O 6 de marzo, na Casa das Campás, terá lugar a xornada inaugural de Universo Mujer, na que se desenvolverán, dende as 18.00 horas, tres coloquios. O primeiro estará centrado na muller deportista, o segundo no ámbito da saúde e o terceiro no tratamento que os medios lle dan ao deporte feminino. Nestas charlas, que moderarán tres xornalistas locais (Susana Pedreira, de Onda Cero; María Varela, do Diario de Pontevedra, e Ana López, do Faro de Vigo), será onde participen Portela e Hurtado.

Tamén falarán a actual presidenta do Club Baloncesto Arxil, Milagros Sanmartín, a responsable de comunicación da Deputación, Ana Guantes, e profesionais vinculadas ao Campus de Pontevedra: María José Martínez Patiño (Actividades Físicas e do Deporte), Ana Belén Fernández Souto (Ciencias Sociais e da Comunicación) e Iris Machado (Fisioterapia), entre outras.


As actividades trasladaranse á Praza de España o sábado 7 e o domingo 8 de marzo. Alí instalarán os seus postos 16 federacións deportivas diferentes. Ao longo de todo o día realizarán exhibicións e convidarán aos cidadáns de todas as idades a achegarse a deportes que van do rugby ao esgrima. "Incluso al surf", avánzou Ignacio Solana. "Serán los propios clubs y los propios deportistas los que impartan estos 'talleres'".

Finalmente, o paso do tour Universo Mujer por Pontevedra rematará o domingo 8 de marzo cunha carreira popular de carácter simbólico. A inscrición ten un custe de 4 euros e pode realizarse na páxina web da iniciativa: www.touruniversomujer.es.

Ignacio Solana estivo acompañado onte, na presentación da actividade, polo vicerreitor do Campus, Jorge Soto; a deputada provincial de Igualdade, Isaura Abelairas, e polo tenente de alcalde de Pontevedra e concelleiro de Deportes, Tino Fernández. "Este é un dos eventos máis importantes que imos celebrar en Pontevedra ao longo deste ano", dixo este último. "É necesario superar os tópicos e a discriminación, e avanzar cara a igualdade real. Queda moito por facer e mellorar. O feminismo ten que impregnalo todo. Hai que seguir loitando contra eses discursos que pensabamos superados. Non van conseguir que retrocedamos por moitas mentiras que conten".

Comentarios