Opinión

Pisco / A nena viaxeira

Pisco

EU son Pisco, un paporrubio sinxelo. Vivo na eira dun colexio do Sol do Condado. O meu lar é un piñeiro alto que está no patio da escola. As súas pólas dispóñense coma pisos dun enorme edificio. No sexto teño a miña vivenda: unha morea de frouma que se arrexuntou entre dúas polas. Decoreina cunhas plumiñas. Cun chisco de herba e musgo fixen a miña cama.

Alí protéxome do frío e da calor, da chuvia e do vento, da aguia e do gabián. Sérveme de miradoiro: contemplo as verdes montañas portuguesas, o suave decorrer do Miño e as montañas da Paradanta.

Acotío visítanme a pega rabilonga e o merlo branco. Na primavera, o cuco cuqueiro.

Estes días teño o corazón compunxido polos incendios do outono que deixaron o meu lar chamuscado.

Era domingo polo serán, de súpeto o Sol tornouse vermello e xurdiu o lume entre as xestas. Coa forza do aire alancou sobre nós. O meu piñeiriño ficou carbonizado.

Hoxe viñeron uns homes e cortárono polo pé. Levaron parte da miña vida nun tractor. Marchaba paseniño e triste. Que mágoa!

Funme pousar no seu cañoto. Observei os seus corenta aneis. Toda unha vida! Cubríronseme os ollos de bágoas.

Cando veñan o merlo branco e a pega rabilonga, chorarán. Deica uns días chegará o cuco cuqueiro e... chorará.

Entre o fasco atopei un piñón. Collino co peteiro para comelo… pero non! Escaravellei non chan e depositei o piñón coma quen pon un neno no berce a durmir. Tapeino coa lixeira terra. Seguro que na primavera xermolará un piñeiriño que irá medrando e sexa tan grande coma o seu pai.

Nel farán a súa morada os meus descendentes. Virán a pega rabilonga, o merlo branco, o cuco cuqueiro, e entoarán un himno á natureza.

No ceo lucirá o arco da vella para animar a festa da vida.

José Álvarez Estévez
CEIP Marquesa do Pazo da Mercé (As Neves)


A nena viaxeira

KATI soñaba, tiña os ollos pechados e un sorriso doce nos beizos. Tocaba o piano, e a melodía dunha sonata reflectíase nas súas pálpebras brancas, destacando sobre o morado das olleiras.

Durmía e era feliz, notábaselle ben na expresión relaxada do seu rostro, na branda man que caía descoidada sobre a saba.

Atrás quedara a loita cotiá sobre o veleiro branco no que cada día acudía a percorrer o mundo, enfrontándose a perigos incertos, a monstruosos seres e lugares cheos de tebras.

Algún día a viaxe era máis relaxada. O mundo tamén ofrecía praias de area branca e augas que viraban do verde ao azul a pouco que un as mirase dende arriba ou dende abaixo.

Por iso pagaba a pena viaxar.

O seu pai abrazouna forte, deulle un bico xusto alí, preto da orella. Alí tiña Kati un lunar, que parecía posto para marcar o lugar dos bicos.

Despois recolleu o libro que estiveran lendo. Moito lle gustaban a esta pequena as historias de viaxes! Mesmo lle valían para entreterse os folletos das axencias, eses que traen fotografías a toda cor de paraísos marítimos con cabanas feitas no medio do mar!

Calquera cousa era boa para percorrer o mundo sen saír daquel cuarto. Pechou a porta e deixou a Kati durmindo, seguro que soñaba que estaba tocando o piano, porque tiña cara de felicidade. El tamén saíu do cuarto sorrindo.

Foi buscar un bocadillo para cear algo ás presas, mañá tocaba outra sesión de quimio.

Milagros Areán Reigosa
CEIP Vilaverde (Pontevedra)

Comentarios