O Plan Concellos permitirá contratar a 21 persoas en Cerdedo-Cotobade

Cubela López, nun dos bancos da Praza do Concello, co edificio consistorial de Carballedo ao fondo. J. CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Cubela López, nun dos bancos da Praza do Concello, co edificio consistorial de Carballedo ao fondo. J. CERVERA-MERCADILLO

Un total de 21 traballadores incorporaranse durante o mes de marzo ás tarefas do Concello de Cerdedo-Cotobade. Así o anunciou o Concello, que destinará 212.000 euros a estas contratacións.

A listaxe de empregados entrantes pasará a formar parte dos departamentos municipais de Obras Públicas e de Medio Ambiente e o Goberno local, que artellou esta medida ao abeiro da Liña 3 do Plan Concellos, aspira a que con estas incorporacións se poida reforzar o traballo do persoal fixo de ambas áreas.

En concreto, o Concello contratará a dous soldadores de estruturas metálicas lixeiras, a cinco encofradores, tres condutores (un de camión e dous operadores de maquinaria forestal), sete podadores, rozadores e traballadores forestais capacitados en motoserras, así como un canteiro, un pintor de vías urbanas, un mecánico e un auxiliar de medio ambiente.

Todos eles van recibir un salario bruto de 1.050 euros mensuais -aos que se engadirán as cotizacións á Seguridade Social-, xa que van a estar contratados a xornada completa e por un espazo de sete meses.

A liña tres do Plan Concellos permite a financiación íntegra destas retribucións e o plan permitirá que as contratacións duren ata o final do ano, habida conta de que a selección e incorporación se realizará comezado xa o segundo trimestre do ano.

Estas persoas traballadoras, que actuarán baixo a coordinación do responsable de Obras, van realizar tarefas de acondicionamento e creación de marquesiñas e peches municipais, reparacións urxentes, pavimentacións, muros, empedrados de urbanizacións, pintado de vías e dependencias do Concello, mantemento de vehículos e maquinaria, conducción de tractores, limpeza e roza de rutas e zonas verdes e control medioambiental.

As contratacións priorizarán a persoas en situación de desemprego e a colectivos desfavorecidos de cara ao mercado de traballo, como as vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas cunha discapacidade superior ao 33%, familias monoparentais e outros.

Comentarios