#PonteLovers sorteará unha cesta de Nadal con máis de 900 euros euros en premios

Será a través do marketplace E-Ponte.com
Cartel Cesta de Nadal E-Ponte.com
photo_camera Cartel Cesta de Nadal E-Ponte.com

A Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers puxeron este xoves en marcha unha nova campaña consistente no sorteo dunha cesta de Nadal con máis de 900 euros en premios a través dos comercios do marketplace E-Ponte.com. Para participar neste sorteo, que terá lugar o xoves 17 de decembro, haberá que seguir os seguintes pasos: 1) Entrar en @eponte2020, 2) Comentar nesta publicación, mencionando a dous amig@s que poidan estar interesad@s, e 3) Difundi-la publicación nas Stories persoais de Facebook e Instagram. Canto máis se comente, máis posibilidades hai de gañar.

Non obstante, tamén será posible participar rexistrándose como usuario no propio portal de comercio online www.e-ponte.com e facendo unha compra. Tal e como apunta a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “o máis salientable desta campaña é que non se trata dunha cesta de Nadal calquera, senón que estamos ante unha cesta viva, é dicir, ata que se Dea a coñecer o nome do ou da gañador@, a contía do premio poderá ir aumentando”. “Será unha cesta repleta de obsequios facilitados por parte dos diversos comercios que forman E-Ponte.com e desexan facer as súas achegas con produtos físicos, servizos gratuítos exclusivos, descontos por compra…”, subliña a edil socialista.

Nestes momentos, a cesta de Nadal xa contén un vale de 150 euros para gastar en E-Ponte.com; unha centola da Praza de Abastos; unha mini sesión de fotos de Nadal para nen@s valorada en 90 euros con QSM Photo; o libro Caras de Pontevedra cedido pola Librería Baroja (100 €); dúas caixas do Centro María José Pazos para tratamentos de lifting e para hidratar e tratar en profundidade os signos do envellecemento da pel (140 euros); un vale de 50 euros e un Ritual de Prosperidade para o Ano Novo (13 €); un vale de 100 euros de Fotorec; un corte de cabelo con peiteado e manicura e un champú especial para o tipo de cabelo (30 €) ofrecido por Arume; un xogo de sabas de Olbe Textil por valor de 50 euros; un vale de 30 euros de Chico’s Sport, e unha consulta de nutrición enerxética e un pack de pasta integral Macarrone, alga percebe deshidratada (50 gramos) e spaghetti de mar en lata (valorado todo en 50 €).

Como se realizará o sorteo?

Segundo indica Yoya Blanco, "os premios que se vaian sumando iranse dando a coñecer no apartado de comentarios que quede fixado na publicación sobre a cesta. Para o sorteo xuntaranse as diferentes vías de participación, saíndo un/unha gañador/a únic@. En primeiro lugar, realizaremos un sorteo con tódolos participantes en redes sociais, entre os que sacaremos a un usuario como finalista. Despois farase outro sorteo entre tódolos usuarios rexistrados no portal E-Ponte.com, obtendo outro finalista. E finalmente, uniremos ao finalista de redes sociais e ao dos rexistrados no e-commerce con todos aqueles consumidores que fixeran unha compra no marketplace. De aí, obterase o nome do premiad@”.

Un dos requisitos de participación por redes sociais é que a persoa mencione, na propia publicación, a dous usuarios máis para incitalos a que se unan, o que dará lugar a unha cadea exponencial que facilitará a súa difusión. Asemade, no propio marketplace E-Ponte.com crearase un deseño impactante para que os clientes estean ao tanto da campaña nada máis entrar no mesmo.

Comentarios