Poio celebrará o 8-M contando a historia de catro heroínas locais

Araceli Fernández Torres, Rosalía Fernández Lores, Áurea Aguín Martínez e Jesusa Casás Carballa, elixidas para a homenaxe 'Vivencias de muller' ▶Polo Correo do Vento creou un conto coa historia das catro veciñas e realizará unha xira polos centros escolares en marzo

O coautor do conto Enrique Mauricio, a concelleira Rosa Fernández e a traballadora do CIM Lidia Fazanes, na presentación do 8-M. GONZALO GARCÍA
photo_camera O coautor do conto Enrique Mauricio, a concelleira Rosa Fernández e a traballadora do CIM Lidia Fazanes, na presentación do 8-M. GONZALO GARCÍA

O Concello de Poio, a través da súa Concellería de Benestar Social e Igualdade, vén de presentar a programación de conmemoración do 8 de Marzo, Día da Muller, que un ano máis terá como protagonistas a catro veciñas consideradas exemplo pola súa traxectoria persoal, coa homenaxe Vivencias de Muller, e que contará tamén coa faceta reivindicativa a través do parón oficial, a participación na Folga Feminista do 8 de marzo e na manifestación organizada polos colectivos feministas para o 3 de marzo en Lugo.

Na cara máis emotiva do 8-M de Poio seguirán sendo protagonistas as historias das mulleres do concello. Neste caso, as catro heroínas locais foron elixidas polo Consello Local da Muller, no que participa o Concello, os grupos políticos, a Xunta e as asociacións de mulleres do municipio e no que se analizan os perfís de varias veciñas para escoller ás que se homenaxearán nun acto público o día 9 ás 19.30 horas en Ferreirós.

As mulleres elixidas este ano son Araceli Fernández Torres, de San Salvador; Rosalía Fernández Lores, de Samieira; Áurea Aguín Martínez, de Raxó, e Jesusa Casás Carballa, de San Xoán. Todas elas foron mulleres de familia que comezaron moi novas a súa andadura para gañar a vida e protagonizaron historias que van desde a loita por sacar adiante un negocio e seguir coa actividade familiar de Áurea Aguín e a vinculación coa hostalería e a gastronomía local de Jesusa Casás ata a historia de Araceli Fernández, que ademais de pasar por todo tipo de profesións, exerceu algún oficio hoxe desaparecido, como o de lavandeira, e foi diva dunha comparsa de Poio ata entrados os 70 anos.

Este ano, como principal novidade, tal e como explicou a concelleira de área, Rosa Fernández, as mulleres serán homenaxeadas por partida triple, xa que á cerimonia oficial e ao vídeo realizado por Rafa Sabugueiro, arredor das súas vidas, vén sumarse a edición dun conto, do que se tirarán mil exemplares e no que se relatan con todo detalle as historias de Araceli, Rosalía, Áurea e Jesusa.

Os autores do conto son os integrantes de Polo Correo do Vento, Enrique Mauricio e Carlos Álvarez Taboada, que contaron coa colaboración da ilustradora Tania Solla para elaborar este traballo, que, en palabras de Mauricio, "foi todo satisfación, xa que coa vida de calquera delas se podería facer un libro enteiro".

O coautor destacou a importancia de coñecer "a estas mulleres, que nos recibiron na súa casa contando a súa vida con todo detalle". A historia chegará aos colexios Isidora Riestra e Chancelas o 22 de marzo; Espedregada e Lourido, o 29 de marzo, e o 5 de abril ao CEIP Viñas a través dun contacontos con caricatura, no que se dará a coñecer "a vida plena destas mulleres, que son figuras próximas e recoñecidas" e que son presentadas no conto por Lía, o personaxe dunha nena de Poio que ten unha cadela, Luquita, e moitas inquietudes que a levarán a coñecer ás catro homenaxeadas este ano.

Comentarios