Poio destinará 232.000 euros a contratar a 24 traballadores a través do Plan Concellos

Os postos, destinados a persoas desempregadas, empezarán a cubrirse no mes de marzo
Dous operarios do Concello de Poio traballando nunha praia. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera Dous operarios do Concello de Poio traballando nunha praia. GONZALO GARCÍA (ADP)

A Liña 3 do Plan Concellos da Deputación servirá para que o Concello de Poio contrate a 24 traballadores e traballadoras este ano. A Concellería de Persoal presentou a súa proposta na última Xunta de Goberno Local para que a avaliase o Goberno local. O investimento para executar estes reforzos ascende a 232.000 euros.

A duración dos contratos oscilará entre os nove e os tres meses. Das 24 contratacións, que se destinarán a persoas en situación de desemprego, once servirán para reforzar o departamento de Obras e Servizos.

O Concello contará, nesta área, con nove operarios para servizos múltiples, un condutor e un electricista. As tarefas que desenvolverán abarcan a rehabilitación de roteiros municipais, a limpeza e desbrozamento de camiños e sendeiros, así como de contornas fluviais e forestais, ou o mantemento das praias e espazos verdes.

O condutor precísase para reforzar o plantel que se adica a facilitar o desprazamento das brigadas, mentres que o oficial electricista deberá controlar o uso axeitado dos puntos de luz ou traballar na implantación de medidas de aforro enerxético. O responsable de Persoal, Xosé Luís Martínez, explica que "os perfís dos aspirantes serán variados, se ben nos centraremos en desempregados que formen parte de colectivos de difícil inserción laboral". Nese apartado entrarían, por exemplo, mozos menores de 30 anos, as persoas maiores de 45, mulleres, persoas con baixa titulación académica ou cidadáns que padezan algunha discapacidade ou que se atopen en risco de exclusión social.

A convocatoria inclúe tamén catro postos, para conserxe (tres) e un limpiador ou limpiadora, precisos para manter adecuadamente a Casa-Museo de Colón, o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó e noutras dependencias municipais. "Neste momento estas instalacións están escasas de persoal propio do plantel do Concello no eido da atención ao público, polo que precisamos estes reforzos", afirmou Xosé Luís Martínez, que sinalou que o perfil que se busca é o de persoas maiores de 45 anos sen prestacións. O Plan Concellos permitirá, ademais, reforzar o persoal de Turismo cunha traballadora ou traballador para exercer de guía e realizar tarefas de asistencia e información. "As dúas oficinas que temos en San Salvador e Combarro, así como a Área Arqueolóxica da Caeira, fan que no verán sexa preciso reforzar o servizo para dar resposta á demanda dos visitantes", indica.

CULTURA. Un dos postos a convocar será o de técnico ou técnica de Cultura, adscrito á citada área e que terá que elaborar programas e iniciativas en diferentes ámbitos, como os centros escolares.

En Servizos Sociais, a remesa permitirá contratar a dous auxiliares sanitarios, un técnico de Mocidade e unha traballadora ou traballador social. Por último, as instalacións municipais contarán con dous responsables de limpeza e un conserxe.

O plan elaborado pola Concellería de Persoal, o importe total é inferior á achega contemplada inicialmente no Plan Concellos, dándose un sobrante de algo máis de 1.200 euros. O Goberno Local achegará esta cantidade ao financiamento de actos culturais, deportivos, sociais ou educativos.

En función dos postos, as incorporacións realizaranse entre marzo, abril e xuño e moitas delas concluirán en decembro.

Comentarios