Poio instalará composteiros en Ferreirós, Ankar e Rúa Miño

O Concello avanza no Plan Revitaliza despois da boa acollida da compostaxe comunitaria
A mestra composteira na instalación comunitaria de Rosalía de Castro. DP
photo_camera A mestra composteira na instalación comunitaria de Rosalía de Castro. DP

O Concello de Poio iniciará a instalación de novos espazos para compostar no municipio no primeiro semestre do ano, despois que o primeiro Centro de Compostaxe Comunitario, inaugurado a finais de outubro do 2020, chegase a funcionar a pleno rendemento.

Tal e como indica o Concello, en vista da boa acollida que está a ter o composteiro, e habida conta da demanda existente, instalaranse proximamente novos espazos para en diferentes puntos da parroquia de San Salvador. Estes recipientes situaranse na Praza de Ferreirós, no parque Ankar e tamén na Rúa Miño, situada nas inmediacións da Praza Riestra, na Caeira.

A mestra composteira encargada de xestionar o dispositivo estima que son preto de 30 as vivendas que fan uso do composteiro comunitario de Rosalía de Castro, unha cifra que, en realidade, probablemente sexa moito maior, xa que, tal e como explica a tenente de alcalde, Chelo Besada, "sabemos de xente que fai uso do composteiro polas tardes, fora do horario habitual da mestra composteira", polo que non tería contacto con ela pese a empregar este espazo. A medida de habitantes por cada unha destas vivendas de usuarios é de tres persoas.

O número de veciños e veciñas interesadas na utilización do composteiro foi aumentando de xeito progresivo, de aí que se faga necesario a dotación de novos Centros de Compostaxe Comunitarios. A mestra composteira, Susana Terrón, aclarou que a xente participante pode solicitar o compost que se produce nestes espazos, vía telefónica ou por correo electrónico ([email protected]). Trátase sun sustrato apto para o seu uso en macetas e hortas.

Cando un usuario ou usuaria deposita os restos no recipiente, tómanselle os seus datos persoais e se lles pregunta se están interesados no uso do compost. O Concello salienta que os participantes están a seguir de xeito axeitado as normas de uso.

"Apenas se localizan impropios (plásticos ou outros materiais que non se poden tratar neste tipo de dispositivos) e a xente tapa correctamente co estruturante. O interese é palpable", salientou a composteira.

O Concello, pola súa banda levou a cabo hai unhas semanas unha campaña informativa para continuar implantando e consolidando a compostaxe no municipio.

CARTAS. A Concellería de Obras e Servizos enviou unhas 300 cartas e dípticos veciños que residen na contorna de Ferreirós. A intención da Administración local a medio prazo é habilitar máis dunha ducia de composteiros comunitarios no termo municipal, así como incrementar o reparto de unidades individuais (na última década xa se repartiron preto de 400 a persoas que dispoñen de casas con parcelas nas que poder ubicalos ou mesmo de pisos con terrazas nas que estea permitida esta clase de instalacións).

Comentarios