Poio Móvese estréase co sendeirismo convocando rutas guiadas polo concello

A primeira cita, o domingo ás 10.00, percorrerá 10 quilómetros de litoral desde o Parque da Memoria ata o Casal de Ferreirós

Lodeiro, Sobral e Caldas, de esquerda a dereita, na presentación das cinco primeiras rutas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Lodeiro, Sobral e Caldas, de esquerda a dereita, na presentación das cinco primeiras rutas. GONZALO GARCÍA

O Concello de Poio estreará na fin de semana a súa proposta de ocio pensada desde a Concellería de Deportes para promover o sendeirismo e unilo ao coñecemento máis profundo do municipio. Trátase de Poio Móvese, unha iniciativa aberta, na que os usuarios se poden inscribir de balde, sexan veciños ou non do municipio, e na que se pode realizar unha actividade física de baixo impacto como o percorrido de rutas nas que, ademais, haberá monitores e guías que explicarán distintos aspectos dos puntos a percorrer.

Marga Caldas, edil de Deportes; Miguel Ángel Lodeiro, responsable de Medio Ambiente, e o alcalde, Luciano Sobral, presentaron onte a iniciativa, que terá como seguinte paso a sinalización da primeira das rutas, que partirá o domingo do Parque da Memoria. O proceso de inscrición está aberto, segundo indicou Marga Caldas, pero aínda quedan prazas e é posible inscribirse na conta de correo [email protected].

A primeira das rutas, que contará cun panel indicador no punto de saída, o parque da Memoria da Seca, levará como nome Ruta da Memoria. Trátase dun recorrido liñal de baixa dificultade que permite coñecer a senda do litoral que une A Seca e Campelo, segue por Lourido, realiza una parada na Casa Museo de Colón e remata no Casal de Ferreirós.

Tal e como explicou a concelleira, o máis importante «é que con esta actividade podemos responder á demanda que tiñamos da veciñanza para poder ofrecer actividades para os afeccionados ao sendeirismo e tamén dar a coñecer as partes máis interesantes do noso concello. Noutros percorridos, que parten da Praza da Chousa de Combarro, teremos un nivel máis elevado de dificultade, pero sempre dentro do que se pode facer sen ser un grande experto. Son actividades abertas para toda a familia», indicou.

Ademais, explicou que «haberá monitores, guía e tamén un avituallamento para os participantes, que, por suposto, contarán cun seguro para cada actividade», engadiu. En canto ao primeiro percorrido, como non se trata dunha ruta circular e ten dez quilómetros, estase a valorar a posibilidade de contratar un autobús para facilitar o regreso ao punto de inicio. As rutas desenvolveranse periodicamente ata inicios de verán, momento no que se parará a actividade, que se retomará en setembro, tras o parón vacacional.

Outra das características dos percorridos é que os novos paneis indicadores levarán impreso un código QR co que se poderán descargar os mapas no teléfono, de modo que será posible realizar as rutas en calquera momento sen axuda doutras guías.

Comentarios