Poio recuperará a toponimia tradicional do municipio

A acción enmárcase nunha nova ordenanza de normalización da lingua
Marga Caldas. DP
photo_camera Marga Caldas. DP

O Concello de Poio, a través da Concellería de Normalización Lingüística, traballa na elaboración dunha nova ordenanza para dar "un pulo" á utilización do galego no día a día da Administración local, tanto a nivel político e administrativo como a nivel social e de cara á cidadanía.

O documento incluirá 14 capítulos, 23 artigos e unha disposición adicional, entre os que se contempla, como unha das medidas máis novidosas, a recuperación da toponimia tradicional do muncipio.

O capítulo 10 da ordenanza céntrase na toponimia e nomes de rúas, emprazamentos e edificios. O Concello promoverá a recuperación, coñecemento e uso da toponimia do territorio municipal, preservando as formas tradicionais dos lugares como parte integrante da memoria colectiva do patrimonio cultural. "Recuperar a nosa toponimia tamén é unha maneira de recuperar a nosa lingua", sinala Marga Caldas, que lembra que, á hora de darlle nome ás rúas, seguiranse os criterios establecidos na declaración asinada pola Comisión de Toponima en 2002. Entre eles, destaca a preferencia polo uso de topónimos tradicionais antes que fórmulas de nova invención. No caso de emprazamentos xeográficos de nova creación realizarase un inventario das denominacións tradicionais do territorio afectado e se empregarán nomes tomados dese repertorio para a denominación oficial das novas realidades.

Ademais, á hora de propoñer un topónimo conmemorativo teranse en consideración a persoas cunha forte vinculación a un lugar ou elemento xeográfico, ou de destacada significación no legado cultural.

O documento tamén regulará o uso do galego nas actuacións administrativas e en cuestións como a atención cara o público, tarefas de documentación, publicacións e accións informativas, merca de bens e materiais, contratacións de servizos, sinalizacións e rotulados ou relacións con empresas privadas.

Marga Caldas entende que "é preciso adoptar medidas encamiñadas a que ninguén sexa discriminado ou discriminada por razón da lingua que empregue á hora de realizar diferentes xestións vencelladas á Administración municipal, tanto por escrito como oralmente". A anterior norma data dos anos 90.

Comentarios