Poio reducirá emisións de carbono e reforzará a seguridade viaria en Xuviño

O Concello traballa na solicitude para a tramitación das axudas e asumirá 62.000 dos máis de 300.000 euros do orzamento total da obra
O núcleo de Xuviño, en Poio. CEDIDA
photo_camera O núcleo de Xuviño, en Poio. CEDIDA

O Concello de Poio traballa na elaboración dun proxecto que servirá para realizar a medio prazo unha ambiciosa actuación no núcleo de Xuviño, na parroquia de Combarro.

O acondicionamento busca reforzar a seguridade viaria, outorgándolle un maior protagonismo aos peóns en detrimento do tránsito rodado, o que serviría para reducir de xeito drástico as emisións de monóxido de carbono. Tamén se busca poñer en valor o contexto arquitectónico e histórico do emprazamento.

A Concellería de Promoción Económica, dirixida polo socialista Gregorio Agís, ultima a preparación de toda a documentación necesaria para pedir unha achega para realizar estas obras, que contarán cun orzamento que ascende a 313.399 euros. O Concello de Poio realizaría unha achega de 62.680 euros, mentres que os 250.719 restantes proverían da axuda que se solicitará con cargo a liña de achegas publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) do 17 de xuño de 2017, para financiar actuacións que favorezan o paso a unah economiía baixa en carbono, no marco do Programa Operático Feder de Crecemento Sostible 2014-2020.

Este proxecto recóllese no Plan de Mobilidade Sustentable aprobado polo Goberno local en 2019. As medidas que se recollen van encamiñadas a reducir o uso do vehículo privado e provocar "un intercambio modal cara fórmulas máis sostibles", tal e como explica Gregorio Agís.

A memoria da actuación, elaborada polo departamento de Urbanismo, explica que as obras servirían para peonalizar a rúa que atravesa Xuviño, de preto de 700 metros de extensión. Para iso, contémplase a dotación dunha superficie de adoquinado, nunha plataforma única, que fomentaría o tránsito a pé. Ademais, pasaríase a realizar restricións de acceso a automóbiles, que quedaría reservado para residentes, eliminando "barreiras arquitectónicas".

Con respecto aos prazos, estímase que, no caso de obter a achega, a licitación completaríase ao longo de 2021, de xeito que os traballos poderían estar finalizados en setembro de 2022. A proposta para a solicitude da axuda económica será levada á vindeira convocatoria da Xunta de Goberno Local.

Comentarios