Poio suspenderá o pago de taxas municipais para paliar o impacto económico do virus

Hostelería e comerciantes obterán unha devolución proporcional ao tempo de parada

A comisión de seguemento poiense do Covid-19. CEDIDA
photo_camera A comisión de seguemento poiense do Covid-19. CEDIDA

O Concello de Poio vén de acordar o impulso de varias medidas de carácter tributario co obxectivo de reducir o impacto económico do Covid-19. Durante a reunión da comisión de seguemento do Covid-19 celebrada onte, os integrantes do equipo de Goberno acordan proceder á suspensión do pago en periodo voluntario do Imposto de Vehículos de Tracción Motora (IVTM), previsto inicialmente para o prazo comprendido entre o 8 de abril e o 8 de xuño. Esta suspensión temporal tamén afecta a outras taxas que se recadan a través do ORAL, a raíz dunha resolución da Deputación de Pontevedra, como por exemplo o IAE ou o IBI. Ademais, o Concello confirma que, no caso das taxas de venda ambulante e de ocupación de vía pública, procederase á devolución da parte proporcional correspondente ao tempo durante o cal non se poida realizar a actividade, como consecuencia do estado de alarma. Esta medida vai dirixida fundamentalmente a aqueles establecementos de restauración que contan con terrazas e para os comerciantes do mercadillo de Combarro. 

Quedan, asemade, suspensas as taxas do cemiterio e dos vados, pendente de comprobación das datas de pagamento en período voluntario. 

Con respecto aos recibos de servizos como o abastecemento de auga, saneamento e recollida de lixo, suspéndese temporalmente, mentres teña vixencia o estado de alarma, o abono correspondente ao segundo bimestre do ano (marzo e abril). O Goberno local acordou tamén descontar na cota de inscrición da próxima temporada de deporte base a parte proporcional ao período que non se puido exercer a actividade fixada, sen que isto supoña un prexuízo para os clubs. Neste aspecto, tamén existe o compromiso de devolver ou compensar as taxas correspondentes ás cotas do mes de marzo do ximnasio ou de diferentes actividades desenvolvidas por departamentos como Igualdade ou Benestar Social. 

Outra medida que se inclúe neste paquete de actuacións ten que ver cos contratos de aluguer de espazos municipais, sobre os que tamén se aplicará unha devolución da parte proporcional correspondente ao período no que non se poden utilizar estas dependencias. 

O alcalde, Luciano Sobral, explicou que todas estas medidas deben servir para “axudar á nosa veciñanza, que continúa un comportamento exemplar e digno de eloxio ante a situación actual. Este esforzo é imprescindible para tratar de limitar o impacto económico da pandemia”. 

Unha partida de 12.000 euros para as familias en risco

A comisión acordou achegar unha partida de 12.000 euros para axudar a aquelas familias en situación de risco. O equipo liderado por Luciano Sobral tamén traballa na posta en funcionamento de fórmulas que garantan axilidade á hora de facer fronte a pagamentos a provedores e de facturas. 

Para iso, procederase á aprobación destes pagos a través do recoñecemento extraxudicial dos abonos pendentes, a través da Xunta de Voceiros. 

Con respecto ao pagamento de impostos como o iBi ou iae, non sería necesario realizar modificacións, posto que o periodo voluntario de pagamento comezaría o día 28 de xullo e 4 de setembro, respectivamente. Respecto ao IIVTNU (Plusvalías), os prazos administrativos están suspensos polo Real decreto que declara o estado de alarma.

Comentarios