Poio volverá homenaxear a cinco veciñas polo 8-M

A agrupación Polo Correo do Vento dará continuidade ao proxecto editorial "Mulleres de Poio"
O alcalde, a concelleira de Igualdade, a directora do CIM e Polo Correo do Vento, na presentación. GONZALO GARCÍA
photo_camera O alcalde, a concelleira de Igualdade, a directora do CIM e Polo Correo do Vento, na presentación. GONZALO GARCÍA

O municipio de Poio homenaxeará a cinco veciñas, unha por cada parroquia polo 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, co obxectivo de destacar "as súas vidas", que son "merecedoras dun recoñecemento e dunha visibilidade para servir de exemplo ás xeracións máis novas", segundo explicou a concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, onte durante a presentación da programación do Concello de Poio de cara ao 8-M, que realizou acompañada da directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, Raquel Morales.

As homenaxeadas serán María del Carmen Rodiño Porto (San Salvador), Teresa de la Fuente (San Xoán), Divina Barreiro Gómez (Combarro), Genoveva Sanmartín Peón (Samieira) e Manuela Gómez Ansín (Raxó). As cinco serán recepcionadas nun acto que se desenvolverá o vindeiro día 6 no Casal de Ferreirós, a partir das 19.30 horas.

A programación de cara ao 8-M inclúe, ademais, citas de todo tipo, desde a proxección de curtas ata sesións de contacontos para os máis cativos. Ademais, o Concello volverá contar coa agrupación Polo Correo do Vento para dar continuidade ao proxecto 'Mulleres de Poio'. Cómpre lembrar que en 2019 esta agrupación publicou un libro, ilustrado por Tania Solla, que repite este ano, no que Rosalía, a súa protagonista, narraba as vivencias das cinco mulleres ás que se lle rendeu homenaxe na edición do ano pasado. En vista da gran aceptación que tivo esta iniciativa, "consideramos oportuno volver plasmar as traxectorias das veciñas nun novo libro, que se engade á colección de Mulleres de Poio", segundo indicou a edil de Igualdade.

A posta en marcha da programación do Día da Muller será o vindeiro mércores, 4 de marzo, coa sesión de curtametraxes Mulleres no 8M, ás 20.00 horas no Casal de Ferreirós, que inclúe un faladoiro posterior sobre o contido das obras.

Comentarios