Opinión

A política de fumatas e cabezas...

A VIDA política española segue a escribir con diferentes protagonistas distintos renglóns da historia do noso país. Parece que despois de idas e vidas dos equipos negociadores entre o Partido Popular de Andalucía e Cidadáns, e tamén os de Vox, para acadar un acordo de goberno e de investidura, que poida acada-la substitución de Susana Díaz ao fronte da Junta andaluza, acaba de asoma-la fumata branca que consagre de xeito definitivo a Juanma Moreno como candidato de consenso a lidera-lo cambio tras casi 40 anos de goberno socialista en San Telmo.

Todo esto, despois de facer auténticas filigranas para logra-la cuadratura do círculo que permitira contar, de maneira vendible por todos, o concurso de Vox nun acordo cualificado como histórico por tódolos contendentes nesta procelosa andadura negociadora onde, ao final, prima máis a estética que a fondura real do acordo para evitar que a impostura e a voráxine esixente dos de Santiago Abascal acabara nun fiasco e pasándolle a factura a todos eles por tentar quedar como puros e virxinais neste proceso no que todo tiveron que mollarse...

Alberto Núñez Feijóo non se resistiu a da-la súa opinión con respecto ás medidas restrictivas que desde Vox se pretendían impor, sobre todo en materia de políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero

Co permiso de Rafa Domínguez, o primeiro en poñer cordura a este asunto e, de paso, pé en parede foi o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que non se resistiu a da-la súa opinión con respecto ás medidas restrictivas que desde Vox se pretendían impor, sobre todo en materia de políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, elementos fundamentais da acción de goberno do titular autonómico galego.

Detrás del, varios baróns do Partido Popular, en diferentes lugares da xeografía española, seguiron a estela de Feijóo posicionándose frontalmente ante unhas esixencias de Vox "inasumbiles" e ás que lle "faltaban un fervor" e que, de aceptarse, ofrecerían unha moi pobre imaxe dos populares quedando á altura do vetún a cambio de sentarse no sillón de San Telmo. E quen peor quedaría sería o propio Pablo Casado que ante, eso sí unha ocasión única, parecía que segundo se lle escoitou nas súas últimas declaracións que incluso estaría disposto a subscribir un contrato marxistas (de Groucho Marx en Sopa de Gansos onde dicía aquelo de: "Estes son os meus principios se non lle gustan teño outros...") con tal de apuntarse a primeira victoria realmente importante da súa era ao fronte do Partido Popular.

O acordo rubricado ante os medios por Juanma Moreno, polo PP, e Juan Marín, por Cidadáns, dunha banda, e dos secretarios xerais dos populares, Teodoro Egea, e de Vox, Javier Ortega Smith, doutra, foi a escenificación escollida para a solución trenzada a tres bandas que vai tentar contentar a todos, especialmente ao electorado non so andaluz senón do resto de España sen que ninguén acuse en demasía a factura que a presenza dos de Santiago Abascal causará nos intereses electorais de Casado e Rivera.

Pero a actualidade política española non pode deixar de botarlle, aínda que sexa de esguello, unha mirada a Cataluña nin por un momento e así, o ínclito Gabriel Rufián, deputado de ERC e asiduo dos pasillos do Congreso, desvelou que deputados de Podemos brindáronlle aos independentistas cataláns a cabeza do ministro de Exteriores, Josep Borrell, si daban a súa aprobación aos orzamentos xerais do Estado que aprobará mañán no Consello de Ministros, Pedro Sánchez e o seu gabinete.

Rufián volveu facer o que mellor sabe, que non é outra cousa que a política espectáculo a base de botar como engado un segredo a voces como é a incomodidade de Borrel co goberno de Sánchez e viceversa e que pode ter os días contados por mor da candidatura socialista que podería volver liderar o ministro de Exteriores ao Parlamento Europeo aproveitando os comicios previstos para o 26 de maio.

Xa saben vostedes que non hai mal que por ben non veña e un xeito habitual da política deste país é atopar un mellor acubillo a un rival incómodo ou a un verso libre como resulta Borrel dentro do gabinete de Sánchez, a través dunha promoción internacional como eurodeputado, un cargo ben remunerado que permite viaxar e ter algunha que outra comodidade do cargo e deixaría expedita calquera vía de enfrontamento co mundo soberanista, garante da continuidade do actual presidente do goberno socialista como inquilino da Moncloa.

Así, un segredo a voces e unha máis que probable solución que se adoptará en breve serviríalle a Rufián para marcar un novo tanto para o independentismo catalán para regocixo dos seus e cabreo do benerable público que atopa neste tipo de desplantes e sometimentos ao goberno de España un caldo de cultivo extraordinario para que o exército de cabreados deste país sigan votando a Vox, ou non?

Comentarios