Ponte Caldelas recolle a bandeira azul da Calzada, a única praia fluvial con este distintivo

O Concello xa ten contratados os tres socorristas que traballarán no areal este verán

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recolle a bandeira azul da praia da Calzada. DP
photo_camera O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recolle a bandeira azul da praia da Calzada. DP

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recolleu este mércores a bandeira azul que acredita á da Calzada como a única praia fluvial de España con este distintivo.

O acto oficial foi realizado na Coruña en presencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro; a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato e o vicepresidente  da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), José Palacios.

O representante  do Goberno local caldelán tamén recolleu o diploma acreditativo do sendeiro azul, a ruta de 8,5 Km que percorre as beiras do río Verdugo.

Díaz destacou que Ponte Caldelas "aposta forte polo mantemento deste distintivo, así como a preservación dos valores naturales do río Verdugo". "Un empeño que volveu quedar demostrado coa forte oposición ao proxecto do trasvase ao sistema de Eiras-Oitavén, que o Concello de Ponte Caldelas liderou dende o primeiro día", defendeu o alcalde.

SOCORRISTAS. Ao tempo agradeceu a confianza de Adeac, que volve outorgar a bandeira a Ponte Caldelas, a pesar de que o ano pasado foi preciso retirala por falta de socorristas. Para este ano, o Concello xa ten contratados aos tres profesionais que van prestar este servizo, ao ter mellorado sustancialmente as condicións contractuais.

Comentarios