Ponte Caldelas transmite a Villares "a soidade dos alcaldes" ante as lapas

Andrés Díaz transmitiulle ao líder de En Marea os problemas padecidos pola vaga de incendios
Reunión celebrada na Casa Consistorial pontecaldelana
photo_camera Reunión celebrada na Casa Consistorial pontecaldelana

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recibiu o xoves ao voceiro de En Marea, Luís Villares, para analizar a situación producida durante e despois dos incendios forestais do pasado día 15. A visita centrouse fundamentalmente na xestión da emerxencia e "noo absoluto fracaso do Goberno galego" neste eido.

Villares, que chegou acompañado do deputado Marcos Cal, do representante local Roi Márquez e unha representación dos colectivos veciñais e de xestión do monte en Ponte Caldelas, estivo no Concello durante preto de dúas horas que serviron para analizar polo miúdo o sucedido neste Concello, onde arderon unhas 2.900 hectáreas, un tercio da superficie municipal. Díaz explicou as súas queixas pola "descoordinación e abandono por parte dos servizos de extinción da Xunta de Galicia", que "non se presentaron ata pasadas as 3 da madrugada", pola tardanza en declarar a alerta 2 e mesmo pola contumacia da Consellería de Medio Rural "en negar que Ponte Caldelas tivera padecido o lume cunha virulencia equivalente á dos concellos máis afectados". "Chegaron a dicir", explicou Díaz, "que aquí non houbo incendios".

O rexedor e Villares falaron das súas dúbidas sobre o verdadeiro alcance das axudas oficiais anunciadas pola Xunta, motivo polo que o Concello está a recadar fondos cunha conta solidaria e a realizar iniciativas como o reparto de forraxe. O mapa de Emerxencias foi outra das cuestións abordadas.

O venres celebrarase a última xornada da Operación Mulching, na que se repartirán sete toneladas de palla polo monte queimado

Díaz expresou a batalla que Ponte Caldelas está a liderar dende hai tempo para a modificación do mapa de emerxencias na provincia de Pontevedra, cuxa peor zona de sombra está ao redor dos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro. Luís Villares comprometeuse a recoller todas as impresións e suxestións de Ponte Caldelas para telas moi en conta de cara a futuras iniciativas parlamentarias.

OPERACIÓN MULCHING. Por outra banda, a Operación Mulching vivirá o venres unha última xornada. Quedan por repartir un total de sete toneladas de palla das 30 adquiridas polo Concello. O traballo centrarase nas proximidades dos acuíferos de Chaín, Regodobargo, Barbudo e Parada, fundamentalmente. Son unhas 20 pacas que xa están sobre o terreo e que non foi posible completar durante a xornada do pasado sábado.

Os traballos darán comezo ás 9.30 horas.

A Corporación de Soutomaior mostrou o xoves o seu apoio unánime a unha iniciativa presentada polo BNG, para abordar diferentes medidas en defensa dos veciños afectados polos incendios forestais, que arrasaron unhas 900 hectáreas de monte a mediados de outubro.

Nunha sesión extraordinaria celebrada na mañá do xoves, acordouse, por exemplo, a elaboración dun informe oficial de danos, a creación dunha mesa de traballo coas comunidades de montes e confrarías para tramitar as axudas, a elaboración de formularios sinxelos para que os veciños poidan solicitalas ou o traballo en coordinación con especialistas e outras administracións para iniciar os labores de recuperación do monte. A primeira xuntanza desta mesa de traballo será o vindeiro luns ás 13.00 horas. Na moción tamén se aprobaron outras actuacións como facer cumprir as ordenanzas e a lei no relativo ás distancias de seguridade e limpeza de terreos.

Comentarios