O Pontevedra Club de Fútbol soña en equipo

A amizade, o tempo de estancia no club, a idade ou o carácter serven de motivos para formar as parellas de habitación nos desprazamentos do cadro granate

As parellas máis habituais nos desprazamentos de Pontevedra. CLAUDIO VERA
photo_camera As parellas máis habituais nos desprazamentos de Pontevedra. CLAUDIO VERA

Javi Pazos baixa primeiro do autocar ca maioría dos seus compañeiros. Chega antes á recepción do hotel. Colle a chave da habitación e, como recompensa, escolle cama antes que o seu compañeiro de habitación. Pazos é o xogador comodín das convocatorias. O home que máis varía de parella nos desprazamentos que o Pontevedra fai por España adiante. Case sempre lle toca cun dos irmáns Barbeito, aínda que tamén lle cadrou con Nacho Lorenzo nalgunha oportunidade.

Cada ovella ten a súa parella, tamén no vestiario do Pontevedra. Algunhas duplas son fáciles de adiviñar e outras poden chamar máis a atención, pero a meirande parte delas ten unha razón de ser.

Alberto Campillo e Pedro Vázquez son amigos desde hai moitos anos. Inseparables. O Pontevedra é o terceiro equipo no que coinciden. Aínda que, por circunstancias, é a primeira vez que comparten alcoba. Pedro dorme antes e Campillo érguese primeiro para baixar a almorzar. Xunto a Edu, Kevin, Arruabarrena e Álex González, é dos primeiros en facelo.

O Pontevedra une, pero ás veces tamén separa. As circunstancias provocaron que Álex Fernández e Mouriño afastasen os seus camiños. O porriñés e o ourensán levaban tres anos e medio xuntos ata que Mou saíu cedido ao Rápido de Bouzas. "Pasabámolo ben", recoñece Fernández con certa nostalxia. Ámbolos dous compartiron situacións moi semellantes. "Ou xogabamos os dous, ou eramos os dous suplentes, polo que nos entendiamos moi ben e eramos un apoio mutuo".

Agora a Álex sucédelle algo parecido a Javi Pazos: vai alternando compañeiro de habitación en función de lesións, sancións e outras circunstancias. O centrocampista ourensán só ten unha manía: quere a cama que está a carón da ventá.

Edu e Kevin creceron xuntos deportivamente. Son os dous que máis levan no Pontevedra. E iso, ademais do seu carácter, favorece a súa unión. Alguén podería pensar que os porteiros sempre van xuntos. "Eso es una leyenda urbana", desminte o capitán, que admite que concilia o sono antes có seu compañeiro. "Durante la semana tengo déficit de sueño". É pai dunha nena pequeniña. A Edu pásalle como a Álex Fernández: quere a cama da ventá.

O outro gardarredes, Rubén Ualoloca, encaixou pronto con Víctor Vázquez. "Me ayuda mucho. Es una de nuestras referencias. Nos llevamos muy bien. Si no, no iría con él", expresa o arqueiro hispano-angoleño, que ao contrario do que lle sucede a outros membros do colectivo prefire durmir sempre no leito máis afastado da fiestra. "Sobre todo, en edificios altos", asegura, sen temor a recoñecer, tamén, que ten unha boa relación con Morfeo. "Soy muy dormilón. Me gusta dormir".

Adrián León, sobre Berrocal: "El tío se duerme rápido y no hace ningún ruido. No sé si respira por las noches"

David Castro e Nacho López son da mesma escola de Ualoloca, dos que lle dan uso prolongado á cama. O lateral esquerdo cuntiense non descarta que ámbolos dous incurran en estertores nocturnos. "É posible que ronquemos". Non serán os únicos, pero seguro que están entre os máis sinceros. Ningún dos dous ten preferencias á hora de elixir catre.

Mikel Arruabarrena dálle certo valor ás supersticións. O dianteiro vasco vai sempre con Álex González no dormitorio. O de Vernejo coñeceu desde ben pronto das manías do seu compañeiro. "En Fuenlabrada había una cama más grande que la otra. Mikel durmió en ella y aquel día marcó dos goles. En el siguiente viaje en el que nos pasó algo parecido, se la volvió a pedir", Álex cedeulle outra vez a de maiores dimensións. Un par de goles ben o valían. Pero na reedición da durmida en cama grande non houbo dobrete nin diana do nove granate, polo que na próxima ocasión lle corresponderá turno ao estremo esquerdo cántabro.

González desvela un dos bens máis demandados nos almorzos do plantel: os kiwis. Mikel e Álex son os primeiros en chegar a almorzar. A diferenza de horarios de sono dos futbolistas acabou provocando que os hoteis abrisen a man da hora de almorzo. Eles dous adoitan estar preparados para facelo ás 8.30 da mañá. Ben cedo.

Arruabarrena é supersticioso e sempre quere a cama de maiores dimensións

Curiosa é a historia de Berrocal e Adrián León, dúas persoas cun carácter moi diferente, pero que encaixan á perfección cando se trata de xestionar o descanso. "Necesito dormir con alguien silencioso y el tío se pone una almohada entre las piernas, otra en la cabeza, se duerme y no hace ningún ruído. No sé si respira por las noches. A veces me preocupa", comenta con bo humor León. Algunha serie ou a televisión axúdalles a conciliar o sono. Por certo, o primeiro que fai o cordobés ao chegar ao seu cuarto é chamar á familia.

Romay cambiou de compañeiro. Empezou compartindo habitación con Javi López, co que viviu no verán. "É fácil de levar. É un cacho de pan". Tras a lesión do malagueño, tócalle con Pibe. O veredicto é o mesmo que o de López: unha persoa de boa convivencia.

Os últimos en chegar, Álvaro Bustos e Borja Domínguez, víronse emparellados polo mercado de xaneiro. Os dous dormen o seu. A lesión do asturiano cambiaralle a parella a Borja en Salamanca. Quen será?

Comentarios