Pontevedra crea unha rede de rutas saudables con 28 trazados alternativos

Un estudo do Concello e a Universidade de Santiago recolle que un 68,6% dos cidadáns emprega os espazos naturais da cidade para camiñar ou pasear e un 18% para facer deporte
O estudo recolle que a Illa das Esculturas é un dos lugares preferidos para pasear ou facer deporte. DAVID FREIRE
photo_camera O estudo recolle que a Illa das Esculturas é un dos lugares preferidos para pasear ou facer deporte. DAVID FREIRE

Máis do 68% da cidadanía de Pontevedra emprega de xeito habitual os espazos verdes, parques, xardíns e sendas do municipio no seu tempo de lecer. Así o asegura un estudo sobre a situación económica, social e ambiental de Pontevedra, promovido polo Concello en colaboración co Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago. Segundo este informe, un 44,1% dos cidadáns afirman saír todos os días a camiñar ou facer deporte ó aire libre e un 37,4% algunha vez por semana (a frecuencia é diaria nos maiores de 50 anos e un 15% dos maiores de 65 anos pasean varias veces ao día). Ademais, esta investigación constata que o 18% practica deportes como correr (11,2%), ciclismo (6,1%), ximnasia ou musculación ao aire libre (un 26,5% dos homes e un 10,3% das mulleres).

Os resultados da enquisa, realizada entre 600 persoas, foron presentados este xoves polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, xunto a un dos seus coordinadores, Paulo Carlos López, que anunciou a súa intención de impulsar unha nova rede de rutas saudables. "Imos crear MetroSan, que ten como xermolo estes itinerarios da clásica pontevedresa e que inclúe inicialmente 28 alternativas diferentes de roteiros para saír a camiñar, pasear ou andar en bicicleta", dixo Tino Fernández.

"Pontevedra conta cun contorno natural envexable para a realización de actividade física ao aire libre e, con esta situación sanitaria, cada vez son máis os que optan por facer exercicio nos nosos parques e zonas verdes. O noso obxectivo inicial é xerar unha rede de rutas urbanas e periurbanas interconectadas, con percorridos sinalizados, paneis con propostas de quecemento e estiramentos e clasificadas por dificultades (de S a XXXL)", asegurou o edil socialista, que anunciou ademais que nunha segunda fase ampliarase esta rede con máis itinerarios polo rural "aproveitando o potencial que nos ofrecen as nosas 15 parroquias e completarase con outras actuacións que se porán en marcha ao longo deste ano, como a creación de parques de calistenia". O concelleiro de Deportes indicou que o MetroSan "forma parte dun proxecto global de dinamización da actividade física ao aire libre". 

O noso obxectivo inicial é xerar unha rede de rutas con percorridos sinalizados e clasificados por dificultade

PECHE DAS INSTALACIÓNS. En contraste cuns datos que confirman un elevadísimo grao de emprego dos espazos naturais para camiñar, pasear ou facer deporte, a sondaxe vén a respaldar a decisión do edil do PSOE de manter pechadas as instalacións deportivas municipais de xeito preventivo por mor da pandemia. Así o manifestou onte Fernández, quen subliñou ademais que, segundo dito estudio, un 66,1% dos enquisados amósase de acordo con esta medida, sendo os maiores de 65 anos os que máis están de acordo.

Os datos facilitados polo estudo "ratifican aínda máis a decisión" cando se lles pide aos enquisados que valoren as medidas preventivas a aplicar en Pontevedra para frear a expansión da covid-19. Tal e como subliñou Tino Fernández, "por termo xeral ningunha acada o cinco de valoración media, cunha única excepción: o peche das instalacións deportivas, que obtivo un 6,3". Preto do aprobado sitúanse o peche perimetral dalgúns barrios ou parroquias (4,74), os peches perimetrais durante os festivos, pontes e fins de semana (4,72) e o peche de parques infantís (4,65). Menos aceptación atopan o decreto de peche do comercio non esencial (3,31) e de zonas verdes (3,48). "Despois da cacería que o PP orquestrou contra a nosa decisión de poñer a saúde e as vidas por enriba de todo, o tempo acabou por darnos a razón, a Xunta tivo que recoller cabo neste asunto. É a única medida que aproba e que ademais o fai sobradamente", subliñou Fernández.

A senda do Lérez, zona preferida para o deporte
As zonas máis frecuentes polas que saen a pasear os cidadáns son a senda do Lérez, dende a ponte dos Tirantes (un 37,3% dos que saen a camiñar), a Illa das Esculturas (15%), o parque dos Gafos (12,9%), os parques de Campolongo (11,6%) e a Xunqueira de Alba (10%). As horas de uso preferente de espazos naturais para camiñar distribúense maioritariamente en dúas franxas localizadas nas primeras horas da mañá e nas últimas da tarde. Así, o 60,1% dos enquisados que afirma saír a camiñar ou pasear faino entre as 18 e as 22 horas e un 29,1% entre as 10 e as 12 horas. A sondaxe pon de manifesto que o running e a bicicleta, practicados por un 62,8% e un 34,1%, son as actividades deportivas máis practicadas. Un 65% destes deportistas afirma practicalo algunha vez por semana e un 20,4% todos os días.

Comentarios