A Pontevedra do século pasado

O Concello adica o calendario de 2021 á historia da cidade a través de imaxes, planos, cartaces e postais de 1900 do Arquivo Municipa
Postal da Praza de San Xosé do ano 1912. ARQUIVO MUNICIPAL
photo_camera Postal da Praza de San Xosé do ano 1912. ARQUIVO MUNICIPAL

A PONTEVEDRA do século pasado. O Concello adica o calendario de 2021 á historia da capital da provincia a través de 24 fotografías, planos, cartaces, postais e proxectos que ilustran a súa evolución dende 1900. O almanaque, do que se editaron 15.000 exemplares, poderá recollerse de forma gratuíta a partires deste xoves na Oficina de Turismo e na sede municipal de Michelena 30.

Ademais de visibilizar graficamente a historia recente da cidade, a iniciativa trata de poñer en valor a importancia do traballo de custodia, conservación e difusión que se realiza dende o Arquivo Municipal. De feito, todas as imaxes proceden dos seus fondos.

Ponte do Burgo en 1955, un ano despois da súa reforma. ARQUIVO MUNICIPAL
Ponte do Burgo en 1955, un ano despois da súa reforma. ARQUIVO MUNICIPAL
 

O calendario inclúe un cartaz, tres vistas aéreas, dous planos, dúas postais, 13 fotografías e tres proxectos. Estes documentos complétanse cunha extensa e detallada información que os contextualiza historicamente e á que pode accederse a través dun código QR incluído no propio almanaque. A imaxe máis antiga é a dun plano de Pontevedra e os seus arredores, que data de 1901, e a máis recente, é unha vista aérea da urbe de 1965.

HISTORIAS. No anuario aparecen dous proxectos que nunca chegaron a ver a luz. Un foi a construción dun edificio na antigua praza de Indalecio Armesto (hoxe Praza da Verdura) para o grupo escolar Álvarez Limeses. Aquela escola, deseñada en 1951 polo arquitecto Emilio Quiroga Losada, ía ocupar a actual Casa da Luz. Outra das obras que tampouco saíron adiante, do ano 1944, foi a prolongación da rúa de García Cambia, do arquitecto municipal Juan Argenti Navajas.

Barrio das Corvaceiras con embarcacións sobre o río Lérez (1914-1915). ARQUIVO MUNICIPAL
Barrio das Corvaceiras con embarcacións sobre o río Lérez (1914-1915). ARQUIVO MUNICIPAL
 

As vistas da ponte da Barca, coa vella pasarela do ferrocarril; das Corvaceiras; do barrio de Campolongo; de Santa María; do viaducto medieval do Burgo; da Ferraría; da ponte do Couto sobre o Gafos; da Casa do Concello ou da Praza da Pedreira son outras das imaxes que poderán verse neste anuario. Nel tamén se inclúe o cartaz das augas mineromedicinais Lérez de 1919, que publicitaba a auga embotellada no balneario de Casimiro Gómez. Esta zona de baños, inaugurada en 1906, explotaba os mananciais de Monte Porreiro e das Aceas. A súa sona chegou a outros países de Europa e América grazas a campañas en prensa. En Inglaterra creou The Lerez Natural Mineral Water Company, obtivo o título de provedor da Casa Real Española e chegou a recibir importantes persoeiros da política, da cultura e da realeza. O balneario pechou tras comezar a Primeira Guerra Mundial.

A capa do calendario incorpora a acuarela que o pintor italiano Pier María Baldi fixo en 1669. Nela vese Pontevedra e O Burgo.


De arriba a abaixo: cartaz de augas mineromedicinais 'Lérez' (1919); proxecto do arquitecto municipal Emilio Salgado Urtiaga (1929) do edificio da Caixa Rural de Lérez, unha institución cooperativa agraria fundada en 1925 e o Hotel Engracia en Andrés Muruáis, onde agora se atopa a sede do Catastro:

Cartaz de augas mineromedicinais Lérez (1919). ARQUIVO MUNICIPALProxecto do arquitecto municipal Emilio Salgado Urtiaga (1929) do edificio da Caixa Rural de Lérez, unha institución cooperativa agraria fundada en 1925. ARQUIVO MUNICIPALHotel Engracia, en Andrés Muruáis, onde agora se atopa a sede do Catastro. ARQUIVO MUNICIPAL

Comentarios