Pontevedra estrea un Street View para axilizar nos trámites urbanísticos

O vehículo Mobile Mapping elaborou un mapa da cidade para poñelo a disposición das oficinas municipais

Imaxes tomadas pola nova ferramenta topográfica. DP
photo_camera Imaxes tomadas pola nova ferramenta topográfica. DP

O Concello de Pontevedra dispón dende hai unhas semanas dunha nova ferramenta de topografía que permitirá "avanzar e axilizar na tramitación da oficina urbanística e técnica, e adaptalas ás novas tecnoloxías".

O goberno local explicou este mércores que, través do uso da tecnoloxía Mobile Mapping, a empresa especializada Geograma, fixo un fotografado e escaneado de todo o viario municipal. Escanearon case 700 quilómetros de vías, obtiveron 170.000 imaxes de 360º e máis de 4.000 millóns de puntos 3D medidos con precisión topográfica. 

O vehículo Mobile Mapping estaba dotado de sensores de posicionamento, cámaras de fotos e escaner 3D, recolleu nun mes todos os datos necesarios para confeccionar un Street View profesional. Fíxose durante o verán e dende primeiros de ano a oficina técnica xa dispón da ferramenta que evita desprazamentos, mellora a xestión municipal e maximiza a seguridade no traballo. 

Nestes momentos está ao alcance de todos os servizos urbanísticos e técnicos municipais para mellorar o seu traballo diario en licenzas e inspeccións, arquitectura e planeamento, medio ambiente e enxeñería, rehabilitación, cartografía ou topografía, pero é intención da responsable de Urbanismo, Anabel Gulías, manter encontros cos colexios profesionais para presentarlles a ferramenta e ver de poñela a disposición dos veciños, ou cando menos, dos profesionais técnicos.

xImaxes tomadas pola nova ferramenta do Concello. DP

Comentarios