Fillas e netas do silencio

O Teatro Principal acolle a estrea do documental 'A memoria neta', nun acto que subsana a conmemoración do 12 de novembro
María Lores, Antela Morgade e Miguel Anxo Fernández Lores (de esquerda a dereita). DAVID FREIRE - A memoria neta
photo_camera María Lores, Antela Morgade e Miguel Anxo Fernández Lores (de esquerda a dereita). DAVID FREIRE

"Neste acto estrearemos o documental A memoria neta e aproveitaremos para renderlle homenaxe aos pontevedreses fusilados o 12 de novembro de 1936", comezou dicindo o concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda, este mércores, no Teatro Principal de Pontevedra. O Concello recuperaba así, dalgunha maneira, a conmemoración do 12 de novembro, un día no que se homenaxeou ininterrumpidamente dende 1999 aos dez pontevedreses fusilados nesa data na Caeira e que este ano se suspendeu no último momento por mor da chuvia.

Detalle do público que asistiu este mércores ao acto no Teatro Principal. DAVID FREIRE - A memoria neta

Esa decisión polémica, que naquel momento foi criticada por parte das familias e de persoas vinculadas á recuperación da memoria, foi subsanada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, adicando boa parte da súa intervención a lembrar as figuras de Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luis Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, Ramiro Paz, José Adrio, Víctor Casas e Juan Rico. "A súa memoria simboliza a todas as vítimas do terror franquista, así como as súas familias. Por iso queremos aproveitar este acto para nomealos, porque pronunciar os seus nomes e apelidos, en voz alta e en público, é unha das maneiras de manter acesa a súa memoria", dixo o alcalde.

Moreda e Lores presentaron así o documental A memoria neta, un traballo realizado por Xan Xiadas que reflexiona sobre a transmisión da memoria a través de 14 voces de oito familias. No nome de todas elas falaron María Lores e Antela Morgade.

"Moitas coma min somos fillas e netas do silencio", sinalou María Lores, que a semana pasada falou da memoria das mulleres ante o Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo. "A vida dos nosos é tamén a nosa vida. Os nosos fillos teñen dereito a saber e nós temos a obriga de falar".

"Está aí a responsabilidade de frear o discurso do odio e do medo", dixo Antela Morgade, que se presentou como "neta de Lola Torres e bisneta de Isolina Villaverde", antes de defender a necesidade de educar ás novas xeracións nun coñecemento real da historia recente de España. "Eu non vivín unha guerra nin unha ditadura, e non quero vivilas nunca. Agardo non ser a única".

Comentarios