Imprimir

Pontevedra honrará as mulleres da súa historia cun mural de 30 metros

Diario de Pontevedra | 25 de abril de 2019

Luís Bará sostiene el mural. JAVIER CERVERA
Luís Bará sostiene el mural. JAVIER CERVERA

Rei Zentolo, Polo Correo do Vento, Tania Solla e Rebeca Cierto realizarán a obra durante o mes de maio na esquina das rúas Joaquín Costa e Poza dos Canos

Da navegante Isabel Barreto á activista ecoloxista Nené González pasando pola mestra Ernestina Otero, a viúva de Alexandre Bóveda, Amalia Álvarez, e a escritora María Victoria Moreno, 22 mulleres destacadas da historia de Pontevedra serán homenaxeadas nun mural de algo máis de 30 metros de lonxitude e 4 metros de alto que o Concello realizará na esquina que une as rúas Joaquín Costa e Poza dos Canos. A obra será levada a cabo entre dous colectivos da cidade, o dos deseñadores Rei Zentolo e o dos autores de Polo Correo do Vento, coa colaboración da ilustradora Tania Solla e da pintora Rebeca Cierto. Farana ao longo do mes de maio. "Contamos con que estea rematada a comezos de xuño, pero dependemos das condicións meteorolóxicas", explicou onte Pablo 'Zentolo', un dos artistas que realizará o traballo e que presentou o proxecto compañado por Tania Solla e o concelleiro que o impulsa, Luís Bará

Foi precisamente Bará o que explicou que este mural se enmarca no programa municipal A memoria das mulleres, que traballa na reivindicación das figuras femininas da cidade dende distintas perspectivas. Unha delas aspira a construír un mapa simbólico de Pontevedra no que as mulleres cobren protagonismo ben con actuacións como a da realización do mural, ben introducindo nomes femininos no rueiro, entre outras cousas.

O concelleiro destacou o aspecto "pedagóxico" dunha obra, que aspira a completar cunha guía didáctica e que, ademais de homenaxear a mulleres destacadas da historia da cidade, tamén incluirá os nomes doutras figuras a reivindicar como a traballadora do Pontevedra C.F. Dolores Calviño 'A Señora Lola', a empresaria Clara López de Almacéns Clarita ou a represaliada Custodia Gama e mesmo representantes de colectivos e oficios como o das mariscadoras ou o das palilleiras.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/pontevedra/pontevedra-honrara-mulleres-da-sua-historia-mural-30-metros-lonxitude/201904251558311032315.html


© 2020 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)