O Pontevedra pasa o exame dos grandes

É o segundo mellor equipo dos de arriba nos duelos directos que se levan xogados

Álex González celebra o gol da vitoria contra a Cultural. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Álex González celebra o gol da vitoria contra a Cultural. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A meirande parte dos seareiros granates asinarían a traxectoria que está a levar o Pontevedra Club de Fútbol no comezo do curso. O equipo de Luismi está inmerso na pelexa polas prazas de promoción de ascenso nunha temporada na que se está a rexistrar unha igualdade inusitada tanto nos postos altos como nos baixos da clasificación.

Os sete primeiros están separados por tres puntos despois de 20 xornadas disputadas. Calquera detalle pode desequilibrar a balanza a favor duns ou outros contendentes. E entre eses factores, os duelos directos poden ter o seu valor en ouro.

Nese aspecto, o Pontevedra aparece ben posicionado, polo de agora. Na semana na que se resolverá o coeficiente particular coa Cultural Leonesa, o primeiro dos seus advesarios (falando desde un punto de vista cronolóxico), o once da cidade do Lérez presenta uns números envexables na batalla dos enfrontamentos directos.

Clasificación dos duelos directos entre os sete primeiros de Segunda B

Dos seis partidos que disputou fronte a escadras da zona alta da táboa na primeira volta, o Pontevedra gañou tres, empatou un e perdeu dous. Sumou dez puntos sobre 18 posibles, o que o converte no segundo mellor nunha hipotética liga dos mellores.

As dúas derrotas dos da Cidade do Lérez producíronse en sendas viaxes. Na casa, o Pontevedra quedou con sete dos nove puntos que se puxeron en disputa.

O mellor nesa hipotética batalla tamén é o líder, o Fuenlabrada. Os madrileños só perderon contra o Pontevedra. Nos outros cinco envites levaron tres triunfos e dúas igualadas.

Álex González e Berrocal, listos para o partido contra a Cultural

Luismi recupera a efectivos importantes para o partido da fin de semana que enfrontará ao Pontevedra contra a Cultural Leonesa no Reino de León (domingo, 17.00 horas).

Álex González e Berrocal retornarán ás convocatorias de Luismi despois de cumprir un partido de suspensión pola acumulación de cinco amoestacións amarelas.

O bloque pontevedrés descansa este martes e retornará aos adestramentos o mércores, xa pensando no duelo de León. Entre as preocupacións do técnico granate atópase o estado físico do mediapunta malpicán Romay, que concluíu o partido do domingo con molestias cervicais.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios