Pontevedra pode presumir de 'Risas Baixas'

Os rapaces da produtora Los Odiosos Cuatro lanzan o late night 'The Risas Baixas Show' a través da súa canle de YouTube ▶"A aposta é por facer algo moi transgresor e 'gamberro"
Ismael Sobrino (colaborador), Óscar Regueiro (cámara), Silvia Dorrón (colaboradora), David Algarra (director), Pepo Suevos (convidado), Abel Bonilla (produtor), Diego Dojer (realizador), Nacho Limetre (cámara) e Ademar Silvoso (presentador), de esquerda a dereita, no decorado do late night, que se grava na Revolta (Sanxenxo). ODS
photo_camera Ismael Sobrino (colaborador), Óscar Regueiro (cámara), Silvia Dorrón (colaboradora), David Algarra (director), Pepo Suevos (convidado), Abel Bonilla (produtor), Diego Dojer (realizador), Nacho Limetre (cámara) e Ademar Silvoso (presentador), de esquerda a dereita, no decorado do late night, que se grava na Revolta (Sanxenxo). ODS

The Risas Baixas Show viu a luz orixinalmente o pasado 24 de novembro, ás 21.34 horas, a través da súa propia canle de YouTube. Co formato dun late night e presentado por Ademar Silvoso, o seu primeiro convidado foi o actor e monologuista Pepe Suevos, que un día antes promocionaba o programa nas redes sociais dicindo: "Isto é o que facía falta neste puto país". Tamén colaboraron na promoción do proxecto actores como Luis Zahera e Carlos Blanco. "A aposta é por facer algo moi transgresor e gamberro, politicamente incorrecto, sen ningunha das restricións da televisión, provocador... Algo totalmente libre e independente», din os seus responsables. "Fixemos, en definitiva, o que nos gustaría ver".

Coa emisión en YouTube (onde o programa acumula máis de 2.400 visionados), concluía un proxecto nacido dous anos antes, en setembro de 2017, da man de catro profesionais do audiovisual, todos da provincia de Pontevedra, que se coñeceron traballando no Canal Rías Baixas. Xuntos crearon a produtora Los Odiosos Cuatro (ODS), que é a que agora saca adiante The Risas Baixas Show. Son David Algarra, do Grove, creador e director do late night; Diego Dojer, de Sanxenxo, realizador do espazo; e Abel Bonilla e Nacho Limetre, ambos de Pontevedra, director de produción e cámara, respectivamente.

O espazo gravouse nun decorado montado nun baixo que lles prestaron na Revolta (Sanxenxo), ao que chaman o estudo R34, e a intención dos produtores é poder ir sacando un novo ao mes. "Hai que pensar que facemos todo isto por diversión, como un hobby, no tempo que lle roubamos a outros proxectos profesionais", din, "aquí ninguén cobra". Pero aspiran a todo. "Isto é un proxecto feito nas Rías Baixas para as Rías Baixas, pero coa intención de chegar o máis lonxe posible".