Pontevedra rescata para a historia a figura da mestra Ernestina Otero

«Esta homenaxe teríalle causado á miña avoa unha dobre satisfacción: por celebrarse na súa querida Pontevedra e polo contexto no que se vai desenvolver», explicou onte Manuel Puga, neto de Ernestina Otero Sestelo, a mestra e directora da antiga Escola Normal de Maxisterio da cidade á que o Concello de Pontevedra quere reivindicar dentro do seu programa A Memoria das Mulleres. Farao a semana que vén, precisamente na véspera da celebración do segundo simposio que se organiza dentro desta iniciativa municipal e que onte foi presentado polos concelleiros de Patrimonio Histórico, Luis Bará, e Servizos Sociais, Carme Fouces, acompañados polo neto da homenaxeada. A Casa das Campás acollerá a serie de conferencias sobre ‘A escola represaliada e resistente’ os días 30 e 31 de maio.

Manuel Puga quixo lembrar non só a figura da súa avoa en concreto, senón tamén o contexto social no que desenvolveu a súa carreira, «onde os mestres eran auténticos misioneiros da educación». Agradeceu o xesto do Concello de Pontevedra e púxoo como exemplo de acto que contribúe «á recuperación da memoria histórica sen xenreira e a cicatrizar as feridas», contrapoñéndoo ás actitudes «daqueles que coa escusa do ‘hai que olvidar’ botan terra sobre todos os represaliados».

Tanto Manuel Puga como Carme Fouces louvaron a significación a prol da igualdade de Ernestina Otero. «Aínda hoxe, polo visto, a idea da menor capacidade das mulleres non está totalmente erradicada», sinalou o neto da mestra. «Ernestina Otero foi unha desas mulleres que edificaron o que non queremos que nos arranquen hoxe», engadiu Fouces. «Seguimos precisando persoas como ela porque o machismo é evidente que segue presente. Ben se viu nesta campaña electoral. Hai que reactivar o compromiso».

Premios

Para cumprir cun dos compromisos do programa A Memoria das Mulleres, o de promocionar a presenza das mulleres no espazo público, é precisamente que o Concello acordou coa Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra poñerlle o nome de Ernestina Otero aos premios que se concederán, este ano por primeira vez, á incorporación da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster do alumnado. «En definitiva, do que se trata é de colocala no sitio que lle corresponde na historia da cidade», rematou Carme Fouces.

A concelleira de Servizos Sociais será así mesmo unha das protagonistas da homenaxe pública a Ernestina Otero que terá lugar o xoves 29 de maio no Paseo de Montero Ríos. Tamén participarán o neto da profesora e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, así como as escritoras Aurora e Clementina Vidal Caramés.

Ao día seguinte comezará na Casa das Campás o II Simposio A Memoria das Mullres, que terá como lema ‘A escola represaliada e resistente’ e no que participarán Anxo S. Porto Ucha, Xosé Álvarez Castro e Carlos Velasco Souto, entre outros, con ponencias sobre a escola represaliada na comarca e na provincia de Pontevedra ou mulleres galegas na Residencia de Señoritas de Madrid.

Redondela

Ernestina Otero Sestelo naceu en Redondela en 1890. Segundo informa o Concello, ao rematar os estudos primarios na vila natal, cursou a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra (1904-1908), onde obtivo a calificación de sobresaliente. Ao ano seguinte decidiu marchar á Escola de Estudos Superiores de Maxisterio de Madrid, onde tomou contacto con xente da Institución Libre de Ensinanza.

A partir de 1915 ocupou a praza de Pedagoxía na Escola Normal de Pontevedra, da que foi directora algún tempo durante a República. Tamén en tempos da República presidiu o Consello Provincial de Primeiro Ensino. En 1933 asinou o manifesto dos intelectuais galegos a prol do Estatuto de Autonomía. Foi a única muller que o fixo, xunto a María da Cruz Pérez.

Tralo levantamento militar do 36 é suspendida de emprego e soldo e pasa a engrosar a primeira listaxe de depuración do distrito universitario de Santiago, como Castelao e Tafall, entre outros. Só volvería a Pontevedra, xa rehabilitada, en 1951, apenas cinco anos antes de falecer.

Comentarios