A Festa dos Maios nunca falla en Pontevedra

Ramón Rozas fixo a 'Benvida ao Maio' e houbo coplas e música na web do Concello

Pontevedra non renunciou a dar a benvida ao maio como todos os anos. A pesar de que nesta ocasión a Festa dos Maios non puido ocupar a praza da Ferraría como viña sendo tradición, a Concellaría de Festas adoptou o formato habitual ao eido dixital.

Houbo benvida ao maio, tamén coplas, información de como se fai un maio, participación de cativos e cativas...

O crítico de arte e documentalista de Diario de Pontevedra Ramón Rozas fixo a tradicional Benvida ao maio; Xosé Carlos Morgade encargouse da letra á copla deste ano e Álvaro Novegil a música creada para a ocasión.

A imaxe desta edición representa a creación dun maio dende unha vista cenital, polo que se pode contemplar como se coloca o fiuncho, os ovos, as laranxas.

MONTE PORREIRO. Ao tempo, a Concellaría de Festas tamén quere colaborar difundindo a iniciativa realizada polo IES Luís Seoane do barrio de Monte Porreiro que pediu ao seu alumnado que debuxasen ou creasen un maio nas súas casas e, seguidamente, o pegasen nas fiestras para encher de festa o barrio.

Os alumnos do CEP Marcos Portela, tamén deron a súa benvida aos Maios cun vídeo editado no que os rapaces participan na festa desde as súas casas.

Da Silva convidou ao resto de Pontevedra para que fagan o mesmo e pediu a todas as persoas que queiran que suban ás redes municipais as súas creacións.