A pontevedresa Fina Casalderrey faise co Premio Rosa dos Ventos

Os alumnos de quinto de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires son os que entregan este galardón

Un momento da charla de Fina Casalderrey, en 2016, no instituto Santiago Apóstol. CEDIDA
photo_camera Un momento da charla de Fina Casalderrey, en 2016, no instituto Santiago Apóstol. CEDIDA

PONTEVEDRA. A escritora e académica pontevedresa Fina Casalderrey vén de ser galardoada co Premio Rosa dos Ventos, que outorgan anualmente os alumnos de quinto de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires. Así llo deron a coñecer á autora dende o propio centro, que ela mesma visitou en 2016, a través dunha carta. «Fina tiña que ter a nosa Rosa dos Ventos», din.

O Instituto Santiago Apóstol, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires) leva preto de 20 anos desenvolvendo un proxecto educativo no que se potencia o estudo da lingua e da cultura galegas. Nese contexto, os alumnos do último curso do Bacharelato entregan dende 2012 un galardón que pretende recoñecer o traballo dunha persoa, allea á institución educativa, que acredite méritos na defensa da identidade fundacional do centro e axude a desenvolver a súa labor pedagóxica.

No caso concreto de Fina Casalderrey, os alumnos recoñeceron «o traballo que a escritora desenvolve a prol de Galicia, o seu incesante labor divulgativo entre as novas xeracións e a defensa comprometida da lingua galega». Da mesma maneira destacan o seu talento literario e a súa traxectoria no mundo do ensino. «É ante todo mestra e iso nótase cando un a escoita, achega os conceptos dun xeito amable, sen estridencias...».

Comentarios