Imprimir

Pontón e Miranda visitarán a Junqueras e Romeva na prisión

Efe | 02 de noviembre de 2018

Ana Miranda e Ana Pontón. AGN
Ana Miranda e Ana Pontón. AGN

Os líderes de Anova Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras tamén acudirán ao cárcere

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a eurodeputada Ana Miranda realizarán, o próximo día 5, unha visita a Oriol Junqueras e Raúl Romeva, á prisión de Lledoners onde os dous dirixentes políticos permanecen en prisión preventiva á espera de xuízo.

Esta visita aos presos cataláns por parte de dirixentes galegos súmase á que os líderes de Anova, Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras, realizarán tamén o próximo 10 de decembro.

Pontón trasladará a ambos os encarcerados o apoio do BNG á súa causa, rexeitando a "profunda deriva autoritaria do Estado español" que persegue e encarcera ou exilia a políticos, sindicalistas, activistas e tuiteiros á vez que permite a "apoloxía franquista nos medios de comunicación e ataques á diversidade lingüística do Estado".

Segundo sinalan desde o BNG nun comunicado, con esta visita queren evidenciar que "é o momento de plantarlle cara ao neofraquismo e desenmascarar a imaxe de demócratas dos Salvinis e Bolsonaros españois".

Para o BNG, que Junqueras, Forcadell, Romeva e o resto de políticos cataláns continúen presos, un ano despois do "referendo de independencia celebrado o 1 de outubro, constata a incapacidade do Goberno central para buscar e acordar solucións políticas a un conflito exclusivamente político".

"O Estado español négase a asumir o seu carácter plurinacional e a actuar en consecuencia, recoñecendo o dereito a decidir", censura Ana Pontón.

Así mesmo, remarca que "no proceso catalán estamos desde o comezo ante unha clara vulneración da separación de poder por parte do Estado, cunha evidente instrumentalización da xustiza e dos corpos e forzas de seguridade". Por iso, advirte de que se "hoxe o fan contra o proceso catalán, mañá farano contra quen lles moleste".

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/galicia/ponton-miranda-visitaran-junqueras-romeva-prision/201811021546461007483.html


© 2021 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)