Un poste de Fenosa bloquea a rotonda Oeste de Cerdedo

O poste atópase no medio das obras da N-541 dirección Pontevedra

2019071412513043722
photo_camera As obras da glorieta, paralizadas por segunda vez dende o seu inicio. DP

O alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, vai esixir á empresa Naturgy (Unión Fenosa) que acometa a retirada do poste eléctrico situado na saída Oeste de Cerdedo. A petición realizouse despois de que o Concello cerdedo-cotobadés comprobara que o poste se atopa no medio das obras de construción da rotonda da N-541 en dirección a Pontevedra, que leva xa varios meses na mesma situación. Este é o motivo polo cal se está a preparar un escrito de solicitude instando á empresa enerxética a trasladar este elemento.

"É inadmisible que as obras leven sete meses paradas pola deixadez de Fenosa, xa que a presenza do poste e a súa nula vontade para cambialo impiden que Fomento poida retomar e rematar a construción desta glorieta, que está bloqueada dende finais do ano pasado", manifestou Cubela, que tamén lamentou que Fomento non faga nada pese a ser o titular da vía e responsable da obra.

Cubela: "Non pode ser que dende o Concello lle esteamos a facer todos os trámites a Fomento para que acometan a súa obra"

O alcalde apostillou que o goberno local "foi moi paciente e comprensivo á hora de aceptar certos retrasos", pero recalca que chegou o momento de ser contundente na defensa dos intereses dos veciños e dos usuarios da vía. "Agora xa hai moita xente en Cercedo-Cotobade e no noso concello polo verán tamén aumenta o tráfico da estrada nacional polas vacacións, así que xa toca dicir basta para que solucionen esta pequenez e retomen as obras".

Cubela lembra que en 2018 se axilizou a consecución da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para trasladar un hórreo protexido afectado por esta mesma obra e poder así retomar os traballos. Esta circunstancia produciuse en setembro e prolongouse ata decembro, cando a actuación chegou á zona do poste de Fenosa que seguía sin retirar. "Non pode ser que dende o Concello lle esteamos a facer todos os trámites a Fomento para que acometan unha obra impulsada por eles para mellorar, de xeito imprescindible, a seguridade nunha das súas estradas".

Finalmente, o alcalde tamén lamentou certa "deixadez" por parte dos responsables de Fomento á hora de controlar o estado dos seus proxectos áinda que, coma neste caso, estean paralizados. da atópase en malas condicións. O valado está caído e as inmediacións da glorieta, en malas condicións. Esta situación prexudica a seguridade, posto que se pode acceder sen limitación á zona dos traballos, habendo un claro risco de accidente, engade.

Comentarios