O PP denuncia “oscurantismo” por parte de Andrés Díaz na presentación do borrador do PXOM

Antón Xil considera “inaudito que o alcalde fale polos pobos dun documento “consensuado” cando a oposición descoñece o seu contido”
Antón Xil. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Antón Xil. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

O PPdeG de Ponte Caldelas denuncia o que considera unha práctica oscurantista e de falla de transparencia a presentación que está a facer polos pobos o alcalde Andrés Díaz dun documento de planeamento cuxo contido é descoñecido por toda a oposición e que non conta con consenso do que presume.

“Descoñecemos o alcance dese borrador do PXOM e, no momento que nos enteramos da súa intención de ir facendo asembleas polos pobos requerímoslle por escrito e por rexistro que nos amosara o traballo feito pola empresa encargada de facer o documento de planeamento urbanístico e todavía, a día de hoxe, seguimos sen resposta nin coñecemos o verdadeiro alcance do mesmo”, indicou o voceiro, Antón Xil.

Os populares consideran unha falla de “respecto democratico e institucional” o feito de que o alcalde se faga acompañar polos pobos por un técnico redactor do borrador de PXOM presentando un documento sin que se teña coñecemento do seu contido os grupos da oposición. “No momento no que coñecemos a intención do alcalde de facer unha serie de asambleas polos pobos para amosar un borrador do PXOM, solicitamos de inmediato e por rexistro unha xuntanza de voceiros para coñecer este documento transcendental para o futuro urbanístico do municipio ou, cando menos, que nos remitira o borrador, pero a día de hoxe os membros da nova Corporación non obtivemos resposta nin información algunha por parte desa Alcaldía”, insistiu Xil.

·Estamos de novo ante unha cacicada antidemocrática de Andrés Díaz que ten unha visión moi patrimonial e particular de entender a administración local·

“Este comportamento antidemocrático parécenos a todos inaudito polo feito de que o alcalde percorra os pobos dicindo que é un documento “consensuado” cando a oposición descoñece o seu contido, os trámites realizados ante os organismos competentes como a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Augas de Galicia, Patrimonio, etc. e as correspondentes respostas que obtivo. Estamos de novo ante unha cacicada antidemocrática de Andrés Díaz que ten unha visión moi patrimonial e particular de entender a administración local e o procedemento democrático e institucional”, indicou Xil.

BORRADOR. O Goberno local de Ponte Caldelas promoveu o xoves a segunda reunión da fase de exposición do borrador do PXOM en proceso de redacción tras recibir a primeira resposta da Dirección Xeral de Urbanismo con anotacións ao documento inicial.

A cita desenvolveuse en Pazos, onde o alcalde, Andrés Díaz, e o técnico da empresa ADIU SLP, que redactou o plan encargáronse de explicar a situación do mesmo en termos xerais e no referente a esta localidade. Como en cada reunión, o equipo de Goberno acudiu á cita cunha planimetría na que os interesados puideron comprobar en que situación quedará a súa localidade. Díaz insiste en cada unha destas asembleas (en total realizará 26) en que só despois de coñecer a opinión dos veciños decidirase se merece a pena seguir adiante co proceso de aprobación do documento.

Comentarios