O PP pon sobre a mesa a humanización do lugar de Liñares

O grupo 'popular' poiense fixo pública onte unha proposta que consiste en dotar ao lugar dun espazo de convivencia e para eventos
photo_camera Infografía do proxecto de humanización en Liñares proposto polo PP de Poio. DP

O Partido Popular de Poio fixo pública este domingo unha proposta para a humanización do lugar de Liñares, que levará ante o Concello coa intención de que o Goberno local tome en consideración o proxecto e se involucre nel. A proposta elaborada polos populares consiste en equipar o espazo público da zona de Liñares con bancadas resgardadas e outras ao aire libre, co fin de dotar á zona dun lugar onde celebrar actividades e funcións, nas que as bancadas servirían de graderío.

O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, asegurou que a proposta é "aberta" e convida ao Goberno local a que "consulte cos veciños" o proxecto, xa que "son eles os que van gozar del". "Liñares é un lugar deses lugares de Poio que ten o mesmo dereito e que merece, como outros lugares, que se fagan inversións e se mellore a calidade de vida dos seus veciños e veciñas", explicou Moldes.

A proposta de humanización de Liñares faise con carácter atemporal, xa que os populares de Poio queren contar coa dispoñibilidade do Goberno local para o proxecto. Moldes asegurou que a proposta faise para que o Goberno local "a poida considerar e esté preparado para cando reciba as subvencións de outras administracións". "Aínda así", insistiu o voceiro, "temos claro que a maior inversión ten que ser para servizos básicos como auga e saneamento, pero cos cartos sobrantes pedimos que se fagan este tipo de humanizacións en lugares como Liñares".

O obxectivo, segundo os populares, é que poidan " convivir nenas, nenos, persoas xóvenes e persoas maiores, e que o Concello poida realizar algún evento social ou cultural neste espazo". Angel Moldes destacou que, ademais de servir á veciñanza, a parte "positiva" de levar a cabo esta actuación é que "non tería un custo económico moi elevado".

Comentarios