Presentan unha única oferta para reabrir a cafetería da Praza da Liberdade

Trátase dun licitador que ten un local de hostalería en Soutomaior ► Os técnicos supervisan se se adecúa ao prego

Cafetería de la Praza da Liberdade. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Cafetería de la Praza da Liberdade. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un só empresario optou ao concurso da cafetería municipal da Praza da Liberdade de Pontevedra. O Concello informou este luns de que a Mesa de Contratación abriu nos últimos días as ofertas das empresas de hostalería para rexentar o negocio. Só se presentou un licitador particular, que ten un local de hostalería no municipio de Soutomaior.

Os técnicos municipais están a supervisar si a oferta se adecúa ás esixencias do prego, para pasar á segunda fase da licitación, que é a adxudicación.

O prego de explotación é por un prazo de 15 anos, coa posibilidade de prórroga doutros tres máis, e o pago dun canon de 12.000 euros ao ano.

Previo ao inicio da licitación, o Concello realizou un estudo de viabilidade e un anteproxecto de reforma da instalación dado que presentaba diversas deficiencias. Aquel informe concluíu que o investimento necesario sería de 100.664,03 euros, que terán que ser asumidos polo licitador, coa liberdade de adoptar as solucións técnicas e estéticas que considere axeitadas, sen cambiar a estrutura da cafetería.

A instalación dispón de 139,5 metros cadrados construídos e ten a posibilidade de instalar terraza na traseira (57 metros cadrados) e tamén na parte dianteira (cara a praza da Liberdade, de 46,7 metros cadrados). Unha vez adxudicada, o licitador terá un prazo de 4 meses para facer a obra.

Comentarios