24/mar./19
Actualizado: 25/mar./19
Comarca de Pontevedra
Primeira Edición da Tractorada de Ponte Caldelas
Máis de 50 tractores participaron na primeira edición da Tractorada de Ponte Caldelas, a concentración deste tipo de vehículos organizada polo Concello como homenaxe a un vehículo que forma parte do modo de vida rural.
A concentración celebrouse na Alameda e incluíu unha pequena marcha polo pobo, que tivo como colofón a comida de confraternidade celebrada na propia Alameda, aproveitando o excelente tempo da xornada.
A Tractorada estivo integrada por tractoristas fundamentalmente de Ponte Caldelas, pero tamén houbo xente chegada de Xeve (Pontevedra), Marín e mesmo un procedente da provincia de Ourense.
Puidéronse ver todo tipo de vehículos dende un tractor con autoguiado de última xeneración a modestos "chimpíns" que os seus propietarios luciron con orgullo. Entre as máquinas presentes tamén había algún dos anos 50 e aínda en pleno funcionamento.
Pola tarde celebráronse as probas de habilidade na explanada do instituto de Ponte Caldelas. Consistiron en manobras de habilidade, probas de tiro e unha carreira.
O alcalde, Andrés Díaz, participou na xornada en nome de todo o Goberno local e mesmo participou na marcha conducindo un dos vehículos. Diante do éxito desta iniciativa xa anunciou que terá continuidade en anos sucesivos.