A primeira ruta 'Voando nas Rías Baixas' agota as prazas

A Deputación impulsa tres percorridos ornitolóxicos. O primeiro terá lugar o 21 de xaneiro polo complexo intermareal Umia-O Grove

Unha garza na provincia de Pontevedra. D.P
photo_camera Unha garza na provincia de Pontevedra. D.P

Só pasaron tres días desde que se abriu o prazo de inscrición e xa están esgotadas as 30 prazas dispoñibles para a primeira ruta ornitolóxica da campaña 'Voando nas Rías Baixas', que promove a Deputación de Pontevedra. O 21 de xaneiro terá lugar este roteiro polo Complexo Intermareal Umia-O Grove. A saída é gratuíta e guiada e organizada polo organismo provincial e SEO BIRDLIFE. No transcurso desta ruta, as persoas participantes poderán coñecer a riqueza ornitolóxica da zona de especial protección situada na comarca do Salnés. As prazas son limitadas xa que o grupo non pode exceder de trinta persoas, ao tratarse dunha actividade que non pretende ocasionar impacto ambiental algún sobre estas zonas protexidas.

HUMEDAIS. O Complexo Intermareal Umia-O Grove é unha zona húmida situada entre a península do Grove, o istmo da Lanzada e a zona sudoeste da ría de Arousa, abarcando o estuario do Umia ata Cambados. Este espazo está declarado Zona Húmida de Importancia Internacional e incluída no convenio Ransar. Nesta zona invernan preto de 18.000 aves que pasan os meses de frío ou están de tránsito na provincia. Cullereiros, gaviotas, virapedras, pilros, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de patos, garzas, garzotas, gaivotas, carráns, mobellas, pentumeiros ou corvos mariños son algunhas das especies que se atopan neste complexo. Estas aves desprázanse desde o Norte de Europa. aproveitar a súa riqueza.

Xunto á visita ao Complexo Intermareal Umia-O Grove, conforman o programa "Voando nas Rías Baixas" outra ruta guiada ao esteiro do Río Miño- Foz da Ramallosa (4 de febreiro de 2018) e unha saída ás Brañas de Xestoso (20 de maio de 2018). O prazo de inscrición para a segunda ruta Esteiro do Río Miño-Foz da Ramallosa ábrese o 23 de xaneiro. As persoas que desexen participar deberán inscribirse a través da www.depo.gal ou ben nos rexistros da Deputación de Pontevedra en Pontevedra e Vigo.

PLAN DE TURISMO. Esta campaña forma parte das actuacións enmarcadas no Plan Estratéxico de Turismo, xa que se trata dunha oportunidade de diversificar o turismo na provincia de Pontevedra ao tempo que sensibilizamos á cidadanía local sobre a necesidade de preservar estes espazos protexidos.

O turismo ornitolóxico preséntase como unha nova modalidade para coñecer a provincia. Deste xeito, xunto con estas novas rutas, a institución provincial patrocinou no 2017 o documental "España, la tierra prometida" na que as Rías Baixas protagonizaron tres dos catro capítulos que o conforman.

Comentarios