Opinión

Problemas en atención primaria

UTILIZAREMOS a perspectiva de usuaria para analisar os problemas observados en atención primaria do Sergas. Chámase así porque se espera que responda ao que o seu nome indica: a primeira atención, é dicer, prevención (en 10 min.?), exame, estudo, primeiro diagnóstico e/ou derivación a especialista ou equipo de atención especializada. Calquera outra función coidamos que está fóra de lugar, e se finalmente se atopa nas mans dos profisionais denominados de familia, é que hai algo que non vai ben.

A primeira cousa que non vai ben é a natureza da demanda de atención dun bon número de persoas que acoden semana si, e semana non, ao médico de cabeceira. Cando non se saben resolver problemas de saúde pequenos e cotiáns, non se sabe discernir entre común, agudo e grave ou moi grave, é evidente que os cidadáns acudirán aos ambulatorios coa mesma frecuencia que a tomar un café cos amigos, ademais é gratis (??), é accesíbel, e malo será, que acabe pior despois da visita que antes. De quen é a responsabilidade de que non saibamos discernir? Quen debe ensinar a diferenciar? Quen debería tratar os pacientes como adultos responsábeis e non como infantes ou obxectos de intervención médica, si, obxectos, e non suxeitos?

Os responsábeis directos de atención primaria, o propio sistema público de saúde, ten deber de velar pola saúde dos cidadáns e non exclusivamente pola oferta de servizos sanitarios. Existe acaso algunha medida pública de intervención no ensino para que se aprenda –na prácticaa– a se capacitar para se atender un a si mesmo en situacións normais, sen precisar un médico para cada circunstancia na vida?. Quen é o responsábel do aprendizado dunha adecuada alimentación para cada situación? Os nenos deben ser alimentados na nosa sociedade, que é en Galiza, século XXI, ano 2019, de forma e maneira que medren e se desenvolvan intelectualmente do mellor xeito posíbel de acordo coas posibilidades xenéticas, xa que as económicas (de alimentos) están hoxe superadas polo 95% da poboación, só é necesario saber gastar de forma correcta e comprar pescado, carne, lácteos verduras e froita, de maneira tamén intelixente. Dado que non se sabe, hai unha obriga pública de o aprender, xa que nenos sans, ben alimentados, e coñecedores do coidado do seu corpo, son adultos sans, conscientes do seu funcionamento vital e preparados para un coidado propio sen tutelas de pediatra ou de médico de cabeceira.

O mesmo pasa cos doentes crónicos. As unidades de seguimento existentes son dos hospitais, non cobren a totalidade dos crónicos existentes, non hai suficientes unidades e non as hai para todos os tipos. Resumindo, a alta presión en busca de asistencia en atención primaria débese a falta de coñecementos, medo e en último caso mala praxe por non derivar a tempo enfermos que si o necesitarían. Se, ademais, a organización é moi mellorábel, atopamos que o exercicio responsábel do goberno en materia sanitaria non queda a cuberto con amosar que ano tras ano medran os fondos destinados á sanidade: o como e máis en que se gastan é decisivo.

Comentarios